Opinión

Europa

Malia sentirmos moito a morte de todas as persoas, como consecuencia do atentado que tivo lugar en Bruselas, cómpre pararse un intre para indagar un pouco máis e intentar comprender que sucede realmente. Ao mirarmos os informativos convencionais, todo parece apuntar a un inimigo común do que a vella Europa semella ser vítima. Aceptar isto sen cuestionar nada paréceme bastante obsceno, porque, nin é Europa a máis afectada polos ataques de organizacións islamistas, nin son persoas de relixións cristiás as principais receptoras desa violencia.

Segundo os datos da Global Terrorism Databasse da Universidade de Maryland, o 87% dos atentados, que se perpetraron entre os anos 2000 e 2014, tiveron lugar en países nos que a maioría da poboación é musulmana. Alén disto, habería que matizar algo ben interesante: a metade destes ataques lévaronse á práctica en países que sufriran unha guerra -o de “conflito bélico” non me comprace moito-, como, por exemplo, Iraq (27%), Afganistán (14%) e Pakistán (9%). Entón, de acordo con isto, cómpre situarse. Sen afectación.

Os novos ataques en Bélxica, reivindicados polo ISIS, que veñen de segar a vida de 30 persoas, polo menos, representan unha mínima parte dos atentados cometidos polos yihadistas en todo o mundo. Os islamistas, que non os muslmáns ou islámicos, consideran imprescindíbel a adaptación da vida política ás leis ou mandamentos relixiosos máis fanáticos do Islam. É importante non perder de vista esta diferenza entre musulmán, islámico e islamista, principalmente porque, a convivencia cos musulmáns si é posíbel. Cos islamistas, non. Obviamente.

Sen querer caer no “boísmo”, que tan eslamiado se me fai, creo que as diferenzas entre as persoas non son unicamente naturais e tolerábeis, mais tamén ben estimulantes para avanzarmos, e, no propio avance, arriquecérmonos. Por iso, malia estar Europa tan aflixida, sería moi instrutivo instala a botar o ollo aos lados, porque, talvez, e miren que digo “talvez”, esa tristura podería ser reubicada. Posta no seu xusto lugar.

Que a cadaquén lle doen os seus mortos, xa o sei, pero esa dor non pode ser politizada polo sistema. Se Europa comete erros, que se revise. 

Te puede interesar