Opinión

Historia roubada

Almudena Carracedo e Robert Bahar amosan no seu documental “El silencio de otros” -producido por Pedro Almodóvar- a busca daquelas persoas que “desapareceron” durante o franquismo, alén do intento das familias de levar os responsábeis ante a Xustiza. Fanse pois visíbeis neste traballo o roubo de nenas e nenos; os homes e mulleres asasinados a punta de pistola; a aparición de cadáveres en fosas comúns, e, moi importante, algúns nomes de torturadores. Pénsese, por exemplo, en sádicos como “Billy el niño”. Ou o “muñecas”. 

É este un documental ben interesante, mais, por riba de todo, necesario. Necesario porque é imprescindíbel que se saiba o que aconteceu. Non unicamente pola urxencia dunha certa reparación para as familias das vítimas, mais, principalmente, pola vergonza que implica que esta parte do relato teña sido ocultada á poboación máis nova nos libros de texto. Non sorprende entón que, como moi ben explica Carracedo, “Los jóvenes que han visto la película” afirmen que “les han arrebatado su historia”, porque iso foi o que aconteceu. 

Neste sentido, cómpre pór o foco na cuestión da responsabilidade indirecta daqueles e daqueloutras que favoreceron tan penoso ocultamento. Como aprender do sucedido se o ignoramos por completo? A falta dun xuízo como o de Nuremberg durante décadas e décadas, iniciouse por fin no 2010 unha querella, coñecida como “Querella Argentina”, para investigar o xenocidio e todos os crimes de lesa humanidade que tiveron lugar no Estado español durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.  Nesta querella figuran os seguintes delitos: homicidio, homicidio agravado, privación ilegal da liberdade e torturas. Unha historia escura, sucia, violenta e vergonzosa, que revela a crueldade dos seus axentes e pon á vista algo terríbel: o silencio da sociedade, ademais da hipocrisía e cinismo dunha clase política que, depois da morte do ditador, xestionou unha falsa Transición na que se lle concedeu a amnistía a todos os asasinos. Eis un filme imprescindíbel nunha aula de Historia.

Te puede interesar