Opinión

Leonard Cohen

Leonard Cohen non necesita falar alto. Tampouco non correr. O enigmático trobador ama o ritmo lento dos sentidos. Os seus murmurios pronunciados de vagar no escenario axudan a que as emocións cantadas toquen a fibra do público. Cohen seduce. Ten a aura dos xenios e pode envolver o espírito de quen escoita. Está claro que é un tipo elegante, capaz de nos levar canda el a territorios escuros sen aspaventos, porque non maltrata a beleza. Colócaa no lugar de privilexio que lle corresponde ao separala do sentimentalismo e da bonitura cursi. Iso si, unha vez no seu sitio, esta beleza en estado puro, feroz e descarnada, alcanza a plenitude ao ser recitada amodo. Sen présa ningunha. Transgrede pois o tempo ao se facer máis fonda, porque, dalgún xeito, o tempo en cuestión semella deterse aí, nesa desaceleración constante da voz cantora. Leonard Cohen é xa un mito.

Co traxe escuro e ese imprescindíbel chapeu, o autor dos libros de poemas “Flores para Hitler” e “La energía de los esclavos”, o mesmo que dixo “non son poeta nin músico, pero os músicos me aceptaron como músico e os poetas como poeta”, o da voz sexi, ese que lemos, no seu momento, con avideza, presenta, nestes días, novo disco: Popular Problems. Cunha xuventude de 80 anos, Cohen rompe co establecido, como Manoel de Oliveira, -o portugués, de 105 anos, anda a rodar o filme, “O velho do Restelo”- ou a propia Laurence Bacall, recentemente falecida, que traballou até o final. Queda claro que o cantautor está feito dun material especial que, sen dúbida, permite este renacer constante. “Vós queredes chegar aí axiña, eu quero chegar o último” di con ironía. Seica sempre lle gustou ir vagaroso. Por iso recita pausado, coa súa voz rouca, o “Slow”, a canción que abre o novo disco. A verdade é que dan ganas de o volver escoitar en vivo.

Contemplar a posta en escena e sentir a potencia de cada verso cantado. Porque Cohen, por se alguén non o souber, non só é poeta. Tamén canta. E di cousas tan curiosas como que a súa experiencia na universidade foi “paixón sen carne, amor sen climax”.

Sería ben interesante preguntar a algunhas persoas, encantadas de coñecerse e absolutamente penosas, a que cren que se referiría o Cohen con iso de “amor sen climax”.

Te puede interesar