Opinión

Mi otro yo

Con este título, Mi otro yo, Isabel Coixet intenta ofrecer unha historia de suspense pola que xa recibiu algunha que outra crítica negativa, porque a directora catalá ten tamén os seus detractores, malia aqueles e aqueloutras que a seguen fielmente. A fidelidade, do mesmo xeito que as manías, induce a visións pouco ecuánimes. Para valorar un traballo cómpre un certo distanciamento, esquecer os nomes e centrarse no importante. E o importante aquí é a película. Esquezamos pois o historial de Coixet, borremos da nosa mente, poño por caso, aquel penoso Mapa de los sonidos de Tokio (2009), en exceso afectado e pouco verosímil, que deixou indiferente ao xurado en Cannes. Intentemos non pensar niso e prestemos atención.
Que atoparemos? Pois unha Coixet que, por unha vez, consegue suscitar certa tensión e intriga, á marxe do peso emocional dos personaxes -aquí máis liberados desa cadea que impide á directora deixarse levar máis polas imaxes e menos polas palabras-, até o punto de lograr que sintamos un interese real por sabermos que sucede. Cómpre entón recoñecer que neste thriller a catalá non se comprace tanto coa sobrecarga emocional. Mi otro yo, percíbese, non só a través do que oímos -algo habitual nas pelis desta directora que cansa bastante con tanto diálogo impostado-, mais tamén do que vemos. Ou do que podemos sospeitar.
Por iso creo que é esta unha fita algo diferente das que ten feito até o de agora. O suspense mantense ao longo da película, en efecto. É de xustiza recoñecerllo. O problema radica no carácter previsíbel da resolución do conflito. Isto, para quen non teña visto La habitación del niño (2006), un telefilme dirixido por Alex de la Iglesia, cun guión del propio e mais de Jorge Guerricaechevarría, non suporá problema ningún, dado o descoñecemento dunha historia similar bastante anterior no tempo. Si o será -un problema- para os/as cinéfilos/as, que, seguramente, pensarán na inquietante historia de Alex de La Iglesia, sen poder evitar as comparacións. La habitación del niño non só mantén a tensión ao longo dos 76 minutos de metraxe, senón que consegue que esta vaia en aumento e desconcerta.
E todo isto sen necesidade de fantasmas, pois a explicación do eu duplicado ten máis que ver coa física cuántica que con mortos desubicados, un lugar común nos thrillers. Malia todo, poida que esteamos ante unha Isabel Coixet en proceso de cambio, con ganas de revisar o que tanto se lle critica e quitarse así de enriba a fama de pretenciosa -hai quen lle di gafaplasta-, resultar máis fresca e acadar un aplauso aberto.

Te puede interesar