Opinión

Nominacións, casos curiosos

Nominado por primeira vez ao Oscar no 2000 ao mellor actor de reparto pola súa excelente interpretación do emperador Cómodo, en Gladiator, de Ridley Scott. Non puido ser. Levouno Benicio del Toro -que tamén nos gusta moito-, por interpretar a Javier Rodríguez, un poli mexicano, en Traffic, dirixida por Steven Soderbergh. Segunda nominación no 2005. Desta vez ao mellor actor, polo seu marabilloso Johnny Cash, do filme Na corda frouxa, de James Mangold, pero nada. Levouno o falecido Philip Seymour Hoffman pola súa interpretación -brillante, abofé- do escritor Capote no filme co mesmo título -Capote-, do director Bennett Miller. Terceira nominación no 2012 ao mellor actor polo seu papel de Freddie Quell -un veterano da Segunda Guerra Mundial que intenta, sen éxito, adaptarse novamente á sociedade- en The Master, un filme algo pretencioso de Paul Thomas Anderson, cuxo maior interese radica nos seus actores: o eternamente nominado Joaquín Phoenix e Philip Seymour Hoffman, de certo, fantástico. Unha vez máis, tampouco houbo premio para Phoenix. Levouno Daniel Day-Lewis, oscarizado tres veces. Unha  por O meu pé esquerdo. Outra por There Will Be Blood e unha última por Lincoln.


Están os astros na contra de Joaquín Phoenix? Nin idea. O caso é que este actor impresionante, capta a cámara, atrápanos. Consegue transportarnos a un lugar diferente. Fíxonos amar, detestar e comprender a Cómodo. Sentimos o perigo no brillo dos seus ollos, infectados dunha maldade que sabía moi ben xustificar. Conseguiu que vibrásemos co Cash e, finalmente, sentimos a dor de Freddie Quell. Capturou a nosa atención coa distorsión mental que dirixía os seus pasos, sempre na incerteza. Malia todo, parece que, nalgúns casos, esta excelencia non se contempla. Ou non se sabe ver. Talvez, de engordar 30 quilos e poñerse feo feísimo, podería haber sorte. Aí está o caso do exguapo Mathew McConaughey que vén de recibir a prezada estatua para sopresa de de Leonardo Di Caprio -que xa se vía con ela na man...- e para decepción de tantos/as amantes do cinema que preferirían, seguramente, como gañador a Bruce Dern, o de Nebraska, ou o inmenso Chiwetel Ejiofor, o protagonista de 12 anos de escravitude.


O que nin se sabe é que pintaba o guapérrimo Christian Bale na lista de nominados... Como tampouco non se comprende a razón de que Joaquín Phoenix non o estivese este ano polo seu papel de Theodor, en Her, un filme dirixido por Spike Jonze que, co paso do tempo, rematará por se converter nunha desas pelis de culto que tanto fascinan a cinéfilos/as. Como Freaks, Brazil, Blade Runner, 1984,  A laranxa mecánica, Cabeza borradora -Eraserhead, de David Lynch, xenio e figura-, ou a inquietante Harold e Maude, Her ficará na na nosa meoria. Creo que vai ser certo iso de que non está feita a mel para a boca do asno. Lamentábel.

Te puede interesar