Opinión

Antón Pulido e Xosé Luís Otero, contra o esquecemento

Pulido posa para Xulio Gil camiñando cara diante da súa obra.
photo_camera Pulido posa para Xulio Gil camiñando cara diante da súa obra.

Eis así, dende este concepto, como traemos hoxe a esta columna de arte dúas propostas, unha efémera, como corresponde a unha exposición, a Viagem, do artista limiau de Nocelo da Pena, Xosé Luís Otero, con residencia en Vigo, a mesma cidade capital na que mora e habita Antón Pulido de Parada de Amoeiro, que inaugura unha Kermesse con afán de permanencia. Os dous artistas ourensáns coinciden nestes días no mesmo concepto en senllas accións artísticas nas que o esquecemento está presente. Así neste gran mes da lembranza por antonomasia entre nós do Sanmartiño, que comeza con Santos e acaba con san Andrés. Nas palabras do grande escritor portugués José Saramago “Somos la memoria que tenemos y la responsabilidad que asumimos, sin memoria no existimos y sin responsabilidad quizás no merezcamos existir”.

A Viagem e Xosé Luís Otero.
A Viagem e Xosé Luís Otero.

Ben de ser inaugurada por todo o alto, no alto da Insua dos Poetas,  Madarnás/Carballiño, nestes pasados días, a obra de Pulido “Kermesse para Arcadio López Casanova”, poeta de orixe lucense, profesor no Colexio Fingoi con Carvalho Calero de director, e traballa en Valencia dende finais do anos sesenta, onde imparte aulas na Facultade de Filoloxía até a súa xubilación, e alí morre en 2022. Un dos temas centrais da súa poesía é o do paso dramático do tempo dende a infancia até o do enfrontamento coa morte. Foi premio Adonais e tamén da Crítica. Unha das súas obras, orientada aos lectores novos, é O bosque de Ouriol, Vigo, Galaxia, 1973, con debuxos de Mina. O ouriol ten o corpo marelo con ás e cola negras, un paxaro que Antón escoitou de neno e chamaban lurbión. E na súa obra gabanceira coas cores, desta volta cun formato de cruz en marco rectangular, inclúe un lurbión e as siluetas doutros paxaros, que enriquecen o vocabulario abstracto dos campos cromáticos filofauves co que se expresa nos últimos tempos. E a Insua énchese do “Vitral de la armonía, ¿así le hería?”/Dio el tiempo en el salterio su latido,/oyó oscuro el rumor de lo perdido,/y hora fue suya de la melancolía”.

A barca para a Viagem, que alcumaban maseira na súa terra para cruzar a lagoa de Antela, cos remos para as almas, feitos das madeiras que se salvaron do incendio da capela da casa, da advocación de san Xosé, os óbolos en forma de moedas para o barqueiro Caronte e conseguir atravesar así os pantanos da lagoa Estixia, formado coas do río do esquecemento. Esta é a instalación das instalacións, inicio e o centro delas ao mesmo tempo, na que Xosé Luís evoca a fantasía do labirinto dende La Casa de Asterión, o conto de Borges, e amosa no espazo expositivo, amplo, asimétrico e envolvente, as paisaxes dos sete pecados capitais, o crime e os medos multiformes que, no fondo é un, a culpa e o perdón, e dende a auga en forma de espellos a distopía/utopía, que partindo do familiar e da súa persoal e íntima percepción espállanse polo tempo e o espazo. Velaquí o plan que Joge da Costa, o curador, orquestra no Centro de Cultura Contemporánea de Castelo Branco, Portugal. O fluír da vida, até un porto, ¿Ítaca?, deste comerciante de perfumes que é Otero cos que da conta dende as lembranzas dun ceo sen nubes, azul e vasto. 

De Otero, O medo ou Os medos.
De Otero, O medo ou Os medos.

Te puede interesar