Opinión

Arredor dos eremitas de Acisclo

Acisclo ante un dos seus eremitas.
photo_camera Acisclo ante un dos seus eremitas.

Hai entre nós, hoxe en día, monxes e monxas dedicados á contemplación, que desenvolven a súa acción intra claustra. Así en Santa María de Oseira, cistercienses da estrita observancia, e Santa Clara de Allariz, franciscanas clarisas. Ámbolos dous son exemplos desa práctica dende a vida comunitaria en clausura. Houbo dende moi cedo, no cristianismo primitivo unha tensión entre a xerarquía eclesial, cada vez máis mundanizada, e os que, no outro extremo, querían vivir a doutrina con prácticas ascéticas rigoristas, co que houbo tensións e conflitos dende o século IV tamén no noroeste. Ata aquí chegaran as novas do movemento dos eremitas da Tebaida exipcia e a sona dalgúns deles, caso de san Antonio abade, con festa anual de fonda raizame nos días que corren de xaneiro. O movemento foise estendendo cara occidente, asentándose nas zonas fragosas da vella Hispania, chegando á Gallaecia do Bierzo, de Valerio e Fructuoso. E máis alá, caso do eremita Paio, que viu o astro sobre o sepulcro do apóstolo na terra que deu en chamarse de contado Santiago de Compostela.

Pormenor do relevo dos eremitas.
Pormenor do relevo dos eremitas.

Foron covas-eremitorio, con igrexas rupestres, como san Pedro de Rocas, que herdan Eufraxi, Eusani, Quinedi, Eati e Flavi. Áchanse nunha lápida do 611 da era hispana, isto é en anos o 573, recollida no Museo Arqueolóxico de Ourense. Eles cinco con seguridade, matinando o Dr. Pérez Rodríguez que o derradeiro nome, Ruve, sexa apelido de Flavi ou un sexto home. Naquelas agrestes abas montuosas con anterioridade a esa data do século VI, tivo a súa orixe eremítica. Foi no tempo dos suevos, que formaron o primeiro reino altomedieval do occidente europeo. A Dra. Ana Malingre tratou este antiquísimo eremitorio de Esgos, concello das súas raíces, na tese de licenciatura da USC en 1992, e logo en libros. Eis o centro da esencia de espiritualidade de Galicia dende estas terras da Ribeira Sacra, denominación que fixo fortuna dende a tradución errónea de rovoyra sacrata, carballo sagrado, por frei Antonio de Yepes dun documento do mosteiro cisterciense de Montederramo. Así, en sentido amplo, no Miño e Sil e afluentes, Bibei, Cabe ou Mao, en Lugo e Ourense. Segundo a tradición, São Martinho de Dume, ou Braga, sabio dos suevos, fundou Santo Estevo Ribas de Sil. Neste contexto, Acisclo fixo seis finas pezas cerámicas de barro cocido, curvilíneas e deitadas, e un mural do que emerxen facianas con pigmentos polícromos. Unha proposta de recuperación da utopía dende a afirmación dunha identidade. O artista acha dende a súa arte novos camiños nestes desnortados tempos que, máis alá do cinismo, amosan o esencial dende o diálogo de eremita da arte, penetrando na zona de sombra con obras cargadas de silencio.

Quinedo, un dos que herdan.
Quinedo, un dos que herdan.

Te puede interesar