Opinión

BOTAR A ANDAR

O escultor José Molares é o autor da placa en recordo de Arturo Noguerol inaugurada no pasado día 31 de xaneiro. Está colocada na fachada do nº 12 da rúa Frei Bieito J. Feijóo, casa sita entre o Instituto Otero Pedrayo e a igrexa da Trindade, esquina Gª Mosquera. Mais daquela quedou na minha memoria un aroma a ‘déjà vu’, a repetición, por ter pasado diante dela moitas veces nos pasados anos. É en efecto en 2003 cando o artista elaborou o encargo, e así consta nos arquivos mais a súa obra desapareceu no curso do tempo no que estivo o edificio en obras e a Concellaría de Urbanismo, que ocupa a casa, tivo que dispor que o mestre vigués voltase a facela.

Foi en novembro daquel ano cando se visibilizóu a recuperación de Noguerol Buján como figura, sendo a súa relevante personalidade de grande importancia para Ourense, onde nace en 1892, e dende aquí para Galicia logo do seu paso dende 1928 por Rianxo e Serantes como secretario, para morrer abruptamente en 1936 en Ferrol. Máis a súa sensibilidade para o noso ser como pobo diferente é o máis salientable xa que logo como avogado e logo secretario de concello foi quen de buscar a normalización dun status quo secular, que identificaba a nosa terra coa lingua multisecular. É porén merecedor, de seu, de lembranza e recoñecemento. Dende a súa pertenza ás Irmandades da Fala, e logo á Revista Nós e dende o Seminario de Estudos Galegos é como artella esta idea de fonda raigame. Con Risco, Cuevillas, Otero, Castelao e outros da xúa xeración.


Aquí, entre nós, o puxeran de actualidade naquel outono de 2003 unhas xornadas, a escultura de Molares e o libriño biográfico de Fernando Román para Ir Indo. Máis é agora cando este investigador ourensá presenta a obra definitiva sobre Noguerol, que títula encomiásticamente como ‘Ética e Estética”. En canto á obra artística -ben visible e fundida de novo de José Molares-, se efixia en bronce en alto relevo dende o seu máis coñecido retrato: con sombreiro, anteollos circulares e paxarela. Sobresaíndo da pedra granítica, ten en paralelo en resalte a prancha con letras douradas: aquí “vivíu e traballou” este “avogado, demócrata e galeguista”, engadíndose ademáis que “dende aquí dirixíu a Revista Nós”. A Irmandade Xurídica Galega promoveuna e co-inaugurouna diante do secretario xeral de Política Lingüística da Consellería. É a primeira obra do artista en Ourense, tendo feito tamén o relevo de Bieito Ledo en Xunqueira de Ambía; a estatua de Modesto Delfín Brandón, o derradeiro Home de Acordo do Couto Misto no século XIX, diante da igrexa de Rubiás dos Mistos; e o monumento ós maxistrados Orencio Pérez e Claudio Movilla, e o fiscal Manuel Casado, defensores da lingua galega e naturais da vila en Castro Caldelas. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia está por trás. Unha labor plural en defensa do patrimonio cultural con un máis que elegante monumento que enriquece o patrimonio ourensá.

Te puede interesar