Opinión

Carlos Montero, Ehlaba Carballo & Agustín Tife

Inaugura en Ourense o lucense Carlos Montero López. Arquitecto de profesión, trae debuxos, disciplina plástica que mantén con teimosía dende a súa primeira mostra na Sargadelos de Santiago en 1987. Fixóse arquitecto en Madrid, e logo de dirixir a ‘zona Galicia’ da Dirección Xeral de Belas Artes, pasou á Dirección xeral da Xunta. Foi así como entrou a relacionarse con César Manrique e Isaac Díaz Pardo, respectivamente, e coa cultura. Ten exposto debuxos cheos de imaxinación e humor que, por veces, teñen toques sarcásticos en Culleredo, onde inaugura a sala municipal, Lugo, Viveiro ou Noia. A novela humorística ‘O caso do fertilizante do grelo’ traducida ao galego por Edic. do Castro, completa a súa poliédrica aventura expresiva. A súa penúltima achega é ao óleo, que mostra a finais do 2013 na sala municipal coruñesa. Chega así ‘Marea roja’, obra coa que centra o Espazo de Arte de Roberto Verino, unha relación que xa iniciara con anterioridade co deseñador ourensán, quen prologara o seu catálogo en 2005 da Casa de Galicia en Madrid. Obras destacadas son ‘Otoño’, que pode lerse como un díptico, e tamén ‘Abadía blanca’, no que hai algo de Friedrich, un ar recurrente en moitos.

Sons do mar de Carballo e Tife
O mar trae e leva caracois, pedras, area e tamén artistas. Hainos que recrean nas exposicións as sensacións da mar. Chámanlle instalacións. Hai terapias dende os sons do mar nos laboratorios de interioridade... ‘El mar. La mar. / El mar. ¡Sólo la mar!’, todo é un, e así o verso de Rafael Alberti. O escultor Agustin Tife Larruskain, de vocación xerodia e formación autodidacta, aprende moi novo en Sanlúcar de Barrameda, no mar do sur, onde foi vivir de neno logo de que a galerna do 1961 no Cantábrico levase ao seu pais pescador. Xa de volta en Hondarribia (Gipuzcoa), a súa terra, segue a ir ao porto vello, para achar as madeiras que a mar peneira: con elas fai as obras que trae ata a Visol, onde chega da man de Ehlaba Carballo de Dios, artista de Ourense. Ambolos dous veñen de estar no Centro empresarial do Tambre, en Compostela. As dela son ritmos e sons, claves de vida, con xeométricas formas baseadas na Secuencia de Fibonacci, o coñecido alias de Leonardo de Pisa, pinturas suxestivas mais estáticas, pola dependencia dos ecos matemáticos e as secuencias musicais. Tife, que malia facer dereito en Pamplona, o seu é a mar e os mariñeiros, dende antes de nacer, traballa no Instituto Social de la Marina, como diretor na Casa del Mar en Hondarribia. Coa inspiración en Henry Moore, Eduardo Chillida, e Remigio Mendiburo, máis preto dil, resalta coas súas máns o modelado das madeiras lavadas polas escumas purificadoras... Con Pepita Ariztizabal ten feito exposición, como agora con Ehlaba Carballo, mais desta volta o eixo é a paixón das augas lustrais mariñas. O ‘son do mar/Itsasoaren soinua’, con acacias, buxo, carballos, aos que engade pedra, bronce ou chumbo, e óleos sobre tea nas paredes. O mar, a mar, inspirador sempre...

Te puede interesar