Opinión

Dacabalo do aire e Ourense nos documentos do Arquivo

Fotos de Plácido no texto de Clara A Sociedade do Óso.
photo_camera Fotos de Plácido no texto de Clara A Sociedade do Óso.

Son facianas da cidade, e de nós, as propostas que traemos desta volta a esta columna semanal de arte e cultura. Así no espazo expositivo da sala 0 do Centro Cultural da Deputación, rúa do Progreso, e nunha das salas do Arquivo Histórico Provincial, sito na antigo convento de san Francisco, nas abas do Montalegre. No CCMV, presentaron fai uns días Clara Martín e Plácido L. Rodríguez o libro editado por Ir Indo edicións, “Dacabalo do aire”, título que me leva a aquel famoso verso da gran Rosalía de Cantares Gallegos, “Fun polo vento, / vin polo aire”, e que ámbolos dous dacabalo do cuarto elemento da natureza fan realidade dende a nosa weltalchauung, isto é, o xeito de concibir o mundo e a vida, como di o dicionario da RAG, un élan diferencial de seu. Clara escrebe lendas e tradicións, que acompañan as fotografías de Plácido en B/N ilustran e amplían, asistindo así marabillados a unha comuñón creativa na que dan cima a nosa identidade. Tal a Sociedade do Óso, co Manuel predicindo a data da morte, ou Lorenzo, quen sabe que para protexernos dalgunhas cousas “é mellor facer que non as sabemos”. Clara Martín/Cristalina López, ben de recibir o premio do concurso Balbino de Relatos no Liceo por Loucine, título dunha composición de Ara Malikian, que para a autora “foi a banda sonora do seu momento vital”. Así a música desta imaxinativa mostra fotográfica de formato medio que amosa a verdade das realidades paralelas, pois Plácido, un grande da fotografía ourensá, gusta do expresión narrativa como amosa no recente libro con textos de Xosé Benito Reza dedicado ao río Arnoia, leit motiv fluvial o seu dende o nacemento a carón do Miño. Un gran tándem, abofé.

Cando as lendas morren, a maxia desaparece, en Dacabalo do aire.
Cando as lendas morren, a maxia desaparece, en Dacabalo do aire.

Ourense dende os documentos 

Páxinas son do noso pasado urbano as que desvela Pablo Sánchez Ferro, o director do Arquivo Histórico Provincial, coa súa equipa, para reflectir nunha didáctica mostra, as facianas da nosa cidade. Dende a economía aos espectáculos pasando pola cultura, festas, goberno, relixiosidade, sociedade, termalismo e urbanismo, manifestacións todas dun poliédrico prisma heptagonal, número ben simbólico co que pretende un abano amplo que, se non total, pois só o Espírito Eterno sabe das súas dimensións, ofrece imaxe cabal dende o antigo burgo da Idade Media até a cidade recente. Nas vitrinas van libros manuscritos, folletos, fotografías ou planos, densa e acaída exposición nun espazo que se converte nun recuncho de sorpresas. Este é o seu xeito de conmemorar o LXXX aniversario, pois dende 1943, Xesús Ferro Couselo, arquiveiro e historiador, dálle o definitivo pulo como primeiro director, continuando Olga Gallego, quen tivo nas pasadas semanas o seu recoñecemento co gallo do centenario do seu nacemento; Elisa Fernández-Pousa, que a sucedeu e estivo á fronte até 2005, un continuum de esforzos coa raizame de Marcelo Macías, Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Juan Fernández Xesta, ate agora con Pablo á fronte, quen fixo o traslado dos fondos a esta extraordinaria reubicación, que a consolida aínda máis como institución cultural de referencia en Galiza. O debuxo manuscrito firmado da Ponte Vella, coa torre e dez arcos, numerados das Caldas á “ziudad”, é unha imaxinativa “demostraçion” da ermida dos Remedios, é alegoría monumental dunha boa cidade que podería ser mellor.

Antigos balnearios de Santiago das Caldas, e nas Burgas.
Antigos balnearios de Santiago das Caldas, e nas Burgas.

Te puede interesar