Opinión

Do Entroido enfeitizado de María Maquieira ao de Carlos Velo

Co gallo do Entroido, singularísimo tempo anual en Ourense, tan celebrado, a Fundación Carlos Velo conseguiu que a ilustradora coruñesa de Sada, María Maquieira (n. 1985) expuxera as ilustracións do libro “Entroido enfeitizado” na galería Visol. O título baséase nunha breve e significada narración alegórica do recoñecido cineasta nado en Cartelle quen, ao pouco tempo de fuxir da guerra e ditadura militar do xeneral Franco, pon en marcha dende o D.F. de México a revista “Saudade (Verba Galega nas Américas)” co Grupo do mesmo nome entre os que estaban Delgado Gurriarán e Illa Couto, cuxo primeiro número saíu simbolicamente no mes de Sant Iago de 1942, abrindo o texto de Velo o segundo número, en Nadal dese ano. 

Mª Maquieira na inauguración.
Mª Maquieira na inauguración.

Maquieira, ante o traballo encargado pola mencionada fundación, ilumina coa súa linguaxe plástica o texto que se subdivide en trece breves cadros con numeración latina, das que saen dezaoito imaxes. Unhas son descritivas, caso do bodegón coa cachucha, xerra co viño e chourizos, ou as dúas da Santina, deitada no cadaleito. Outras son variacións do texto orixinal, caso dos bois coas estrelas na fronte que levan xugo e non mulida, e os gaiteiros de Valdariz, mozos barís, sen a compaña do tamboril de Rabal. Eles e as sete irmáns choradeiras, tan indispensables nos enterros doutrora, levan rostros moi semellantes, elas cun ar á propia María..., sendo as imaxes máis efectivas aquelas nas que a artista propón camiños plásticos dende a súa inspiración, como a virxe do Entroido de monxa e o Foleiro semiespido. A máis salientable é a da morte da Santa pola Raíña loba, obra como aqueloutra en perspectiva de sotto in su, que Maquieira licenciouse en Hª da arte entre a USC e a facultade de letras e filosofía de Perugia, cunha ampla estadía en Roma. Ela é o clímax do in crescendo que redacta Velo nunha secuencia extraordinaria na que xa se queimara o Meco e o sol morrera “nas ondas do mar hiperbóreo. O vento de Fisterra énchese de escuridade mitolóxica”, espazo no que sitúa a narración, facendo que trece mariñeiros se transformen en lobos, que pelexan cos Fenos, que non Felos, e a Santa cos brazos en cruz faille un desconxuro a Raíña loba, que se bota enriba dela e morre. Así “desfaise o feitizo da princesa Aldina, filla de El Rei de Galiza” apreixada na pelica de loba. E diante do carro da santa morta, “o vello Breogán coberto cunha coroza chea de vieiras camiña con pes nús chamando aos bois”, que Maquieira efixia cun magnífico rostro portando un facho entre bois e viste, sen máis, unhas vieiras. Todo elo no tempo das festas míticas do Entroido, co trasno e o foleiro, o Feno pescantín, o novo e o sacauntos, o Meco do viño, os vellos Chanqueiro e Liberata, dona Pingoleta e Don Vaselina. 

A morte da Santa pola Raíña Loba.
A morte da Santa pola Raíña Loba.

Eis unha exposición para o mes do enfeitizado ano bisesto, que nos fai coñecer esta artista da man da Fundación Carlos Velo, cunha proposta en prosa poética chegada do exilio galego, que se inicia co latín da misa de Requiem e remata co Dum Paterfamilias, concluíndo entre música de zanfona e cantos coa invocación “Isperta do teu sono Santiña! , Erguete e canta Rosalía!”. Marabilloso desempeño.

Te puede interesar