Opinión

Do GPTs con Vecino & Soldevilla a “Ollos azuis” de Xulio Pardo

Xulio Pardo por Alfonso Aguado Ortuño, retrato dixital.
photo_camera Xulio Pardo por Alfonso Aguado Ortuño, retrato dixital.

Luís Vecino & Ángel Soldevilla, no soto da tenda de Roberto “Verino”, amosan a súa Ofrenda “para aqueles que desexen contemplala”. Alí, nas tres paredes do fondo, está o Espacio de Arte. “No creo en el progreso, creo en el regreso”, di o primero, e retruca o segundo, ou non, “Cuando la razón sueña, quimera lleva”. Son tres tiras de imaxes, 6-5-6, enmarcadas nun patchwork de prensa as de Luís, fotomontaxes de bustos escultóricos na súa maioría; sendo as de Ángel robots baixo a palabra “Ideal” e o logo interior “Loben”. Con elas, un texto dos autores corrixido gramaticalmente por intelixencia artificial, GPT4, no que denuncian o consumo de micro plásticos e guerras en directo. E ademais dan a alarma do Dall-E 3, que crea imaxes dende frases do usuario; Telepathy, que permite a comunicación mente humana-máquina coa inserción dun chip no cerebro, o que nos leva como sociedade a un cambio de paradigma. Os artistas veñen reflexionado dende fai anos arredor das tecnoloxías de videoxogos e montaxes dixitais e da banalidade social e o baleiro moral da sociedade dependente das doses cotiás de miserias televisivas. 

Obras de Soldevilla e Vecino.
Obras de Soldevilla e Vecino.

Xulio Pardo 

Lembro “Estos días azules y este sol de la infancia”, dun poema inconcluso que Antonio Machado, que levaba na chaqueta cando foi soterrado en 1939 en Collioure, Francia; e tamén Azul, coñecido libro modernista de contos e poemas do poeta nicaraguense  ‘Rubén Darío’, título derivado de “...adieu, patrie, azur!” de Vítor Hugo. Velaquí como a cor heráldica azul/azur,  achégase ao libro do profesor lucense Xulio Pardo de Neyra (n. 1968), profesor da UDCoruña de lingua e literatura galega. Velaquí un novo título, Ollos azuis, Belagua, 2023, do tres veces doutor, presentada en Ourense nos pasados días, e que se aliña coa Monxa e o grumete do mesmo ano, dúas patas dunha trébede, que a terceira camiña veloz cara o prelo, urxido pois o “pasado vén a nós, unha explicación do que somos arestora”. como ten escrito, para xuntar dende o seu maxín proteico as terras de Miranda e Burón coa de Meira. Na que nos ocupa Mariña López, señora dos océanos, sae da auga, e logo de procrear, voltou á chamada do mar... Máis alá do eufónico do seu léxico, que engaiola, son as citas de Virginia Wolf até Luz Airado, ben escollidas, femininas voces de E. Dickinson, Marica Campo, Lorena Conde, Olalla Cociña, Marta Dacosta, Marta Dacosta, Lara Dopazo, Enma Pedreira, Dores Tembras, Pilar Pallarés, Luz Campello ou Eva Veiga e Yolanda Castaño, acompañadas de Yeats, Antón Lopo e Miguel Anxo Mato. E tamén Eva Méndez do Roxo, de quen é o prólogo, “Abre un pouco mais a boca, déixame entrar, póusate en min, e flúe do instante mesmo do incomprensible”, pois como di Xulio “somos de auga”. A viaxe como patria. Arrecendo co pouso de seu deste camiñante, xa noutrora co poemario Uterus siue uolua, ilustrado por Clara Martín, artista e escritora ourensá. Así esta pasada fin de semana na libraría Eixo presentouno na compaña de Parente Durán e Jorge Emilio Bóveda. Entre os libros, as pinturas do profesor Lao Castro escoitaban. Ecoa o soneto Dulce Queja de García Lorca “Tengo miedo de perder la maravilla / de tus ojos de estatua”. 

Te puede interesar