Opinión

Os fondos pictóricos do Parlamento entre nós

“Mar a Viñas” e o “Can azul”, de Quintana Martelo e Quessada, respectivamente.
photo_camera “Mar a Viñas” e o “Can azul”, de Quintana Martelo e Quessada, respectivamente.

Significativa a escolla do elenco de obras que trae o Parlamento de Galicia até Ourense, e que se exhiben dende comezos do verán nos dous andares da sala de exposicións d’Afundación. Son pezas que saíron dos despachos e salas de reunións, máis tamén dos corredores e escaleiras da sé da Primeira Institución Autonómica, sita na rúa do Hórreo de Santiago de Compostela, onde exornan as paredes. Dende elas, os paramentos ilustrados falan a funcionarios, parlamentarios e visitantes de historias e vida coas imaxes de arte. Coa mostra, o seu Presidente, Miguel Ángel Santalices Vieira, desenrola coa itinerancia das obras por Galicia unha estratexia de apertura á sociedade comezada xa fai anos con visitas guiadas no edificio parlamentario, e dende a súa propia presenza en actos culturais, de arte preferentemente, e de tipo sanitario, con gran sensibilidade.

Algúns dos artistas no folleto.
Algúns dos artistas no folleto.

A selección fainos un agasallo ao amosar artistas desta terra como Xesús Carballido, Moreiras e Alexandro, que seguen a crear, e Pérez Penín, con esporádicas estadías e estudo na cidade. Con eles están Virxilio, Prego, Vidal Souto, Xaime Quessada e Quesada Blanco, fillo seu, e Carmen Rodríguez de Legísima, de Lousado, Piñor, todos xa falecidos, como tamén Javier Varela Guillot, gran acuarelista nado en Vigo, que viviu moitos anos en Allariz, onde naceron os seus fillos, varios deles artistas; e Xavier Pousa, miñoto do Rosal e casado en Ourense, gran paisaxista e retratista. Malia todo, quedaron en Compostela obras doutros ourensáns relevantes, caso do histórico Parada Justel ou Antonio Quesada, que ten entre nós as súas orixes. E as dos destacados artistas Antón Pulido, de Bóveda de Amoeiro, e Xosé Luís Otero, de Nocelo da Pena, Xinzo de Limia, que adoitan reivindicar coas súas palabras e exposicións as orixes ourensáns. A eles hai que engadir outros pintores como César Taboada, Moncho Borrajo e Teresa Quiroga e os escultores Ramón Conde, Xosé Cid, Buciños e Acisclo. O que é tanto como afirmar o protagonismo ourensán na colección artística parlamentaria. Así o vimos e razoamos fai uns anos no libro “Colección de arte Parlamento de Galicia”.

O presidente Santalices co conselleiro, diante dun Lamazares.
O presidente Santalices co conselleiro, diante dun Lamazares.

EN BOA COMPAÑA

Aquelas obras que trouxeron, todas de pintura, chegaron coas de Colmeiro, Laxeiro, Maside, Souto, Lodeiro, Seoane, autores históricos de fondo alento e pegada, rodeados por Moldes, Abelenda, Urbano Lugrís, Tino Grandío, Lago Rivera, Juan Luís, Lloréns, Sucasas, Carlos Sobrino, Felipe Criado, González del Blanco e José Frau. E Lamazares, Correa Corredoira, Menchu Lamas, Alfonso Costa, Mejuto e Quintana Martelo, pechando así un variado conxunto. Entre as obras son máis que salientables Mar a Viñas, deste último, Paisaxe metafísica de Lugrís e Can azul de Quessada, todas de gran formato, como tamén a fachada parlamentaria, obra de Peteiro, que ben sendo a icona da itinerancia, obra que fai de epicentro. Antroido do lalinés Sucasas, 1988; Feira, de Colmeiro, 1980, No peirao de Sobrino, 1940; Mañá de Domingo de Juan Luís e o Carro de Roberto González, ca. 1934, son quen de recrear a nosa terra e mundo dende a etnografía e antropoloxía. Enfronte, Galaxia de Lodeiro, 1975; Bés de Santa Baia, 1996, de Lamazares, e Esfera cromática, 2005, de Lamas, que de estar coas de Otero e Pulido sería expresión decantada da definición de contemporaneidade, e profundidade, do abano institucional de arte no Parlamento.

Te puede interesar