Opinión

Pablo Orza ou a éxtase das artes en Tántrika

Proponnos o artista, dende a temática da pel unha exposición para os sentidos. Coma é coñecido, ela é o órgano maior externo do ser humano, dous metros cadrados e cinco quilos, de milímetros de espesor e heteroxénea composición, superposta en capas, acadando maior grosor no lombo ou nos pés. Máis alá da súa cor e cambios, teñamos moita melanina ou pouca, e do seu recubrimento piloso, apreciámola pola vista nos outros, sendo a nosa e a dos seres máis preto de nós, queridos, a que provoca intensas emocións e sentimentos. Detrás está a calor do corpo, sangue dos afectos. Velaquí a base da que partirmos para enfrontarmos ante a mostra de Pablo Orza Pérez (Zamora 1971) que vive en Galicia dende tanto que é xa un artista noso. Reside na Coruña, en Boqueixón, preto do Pico Sagro, monte mítico que aparece nalgunhas obras da exposición que amosa na Dodo Dadá. 

Vai para un ano que aboia a proposta dos artistas Xosé “Vilamoure” e Marita Carmona de abrir Galería de arte na rúa Liberdade 3, no epicentro exterior da trama urbana histórica de Ourense fronte a praza de S. Marcial coa Revisión de Miguel Mosquera. Exposicións plásticas, presentación de libros e clases de arte teñen sido a actividade, un comezar a despregar o abano, moito actividade coa arte como epicentro que pecha na primeira circunvalación ao sol, coa lúa por medio, Orza e a súa mostra pictórica, na que ben de facer unha performance de música e poesía entre a súa mostra, a primeira delas, pois fará outra en coincidencia co ano 1º do aniversario, a comezos do próximo mes.

Tántrika é para o artista a parte visible dunha vivencia que tenta transmitirmos en persoa, nos recitais en sala, tres, diante das obras pictóricas, todas figurativas, e un video, que tenta completar coa súa presenza, voz e música, nunha actuación, ou performance, na procura dunha elevación ou descenso sensitivo-espiritual dos presentes. Eis, así, un achegamento sinestésico multidisciplinar dunha cosmovisión. Esta é a dun saír dun mesmo cara o encontro do outro. Este é alteridade co outro/a, coa natureza no centro en sentido amplo, que encarna nunha muller, pel con pel, física e química, calor e corpo; e tamén, unha árbore. Eles, baixo o ceo, na noite estrelada, sen roupa que interfira o contacto coa pel do universo, herba baixo os pés ou lombo, as follas caídas, e a cópula sobre elas, ou coa parella contra a árbore, de día, e as frores caendo ante os impulsos deles, e da brisa. Velaquí os polos, noite e día, outono e primavera que, coa invernía e verán, configuran momentos do ano e do día, escalas sensoriais e tímbricas. Lonxe queda o Orza da exposición in itínere da Xunta de Galicia do 1999 con Pérez Varela e Homero Pérez Quintana á fronte da consellería, e que chegou até o Ourense do Ateneo na Torre, época do informalismo e abstracción, pintura e escultura dacabalo, e na que se deu a coñecer María do Ceo trío, pasando unha década despois á sala do centro cultural da deputación con Conectividade, “alí onde moran as sementes/da vida nova/ coma ouro durmido”, na que camiña hoxe. Tal Disappearing into you de Raphael, sinalado tema instrumental.

Te puede interesar