Opinión

Retratos de artistas da plástica galega de Xulio Gil

Artistas que posan, e miran para o fotógrafo, miradas exhibindo humanidade dende os corpos e, ás veces, espazos íntimos de creación, territorio de soidade que enchen coa música dos seus pensamentos creando soños plásticos coas ferramentas e materiais artísticos. Graves como Tenreiro ou espontáneos como Lamazares, sorrindo ou ensimesmados outros, ollan para nós e transmiten vida. Así Acisclo, Murado, Xosé Luis Otero, Ocaña Martínez, Caxigueiro ou Figueiras. Ver e saber ver, miradas cruzadas. Máis que unha exposicións de egos reunidos véxoa como un conxunto de nós que fala de nosoutros como pobo, e da arte contemporánea dende os derradeiros tempos dos Novos, con Laxeiro, até as xeracións dos oitenta e noventa, apaixonados e centrados nos saberes da tradición e herdeiros das vangardas e postvangardas, que foron achegándonos a estas terras os Artistiñas e o grupo Atlántica, para facelas nosas logo de dar unha volta no ar. Foron analizados máis de once ducias de galegos que teñen presenza de seu na nosa paisaxe plástica, presentando os seleccionados, polo artista e o comisario, Dr. Limia Gardón, en diálogo, acción de análise e síntese de historiador da arte, no catálogo, en concisas biografías a carón dos retratos, que son micro-historias. Todo elo co patrocinio da dirección xeral de cultura da Xunta, con Anxo Lorenzo á fronte, nas salas de Afundación, primeiro en Vigo e agora na praza maior de Ourense, sendo os máis maiores do elenco que seguen en activo Torras (n.1912), que ven de cumprir 111 anos, e Vazquez Prats.

Cada foto é unha cita coa realidade, única e intransferible, experiencia que Xulio ás veces, comparte en acaídas anécdotas do momento e circunstancias. Así dende Mantecón a finais dos anos setenta, a Elena Gago, ou Moldes (+) e Antón Sobral, tan amigos seus, que foron/son, até Fernando Barreira ou Cochorro, aos que retratou nos últimos tempos do proxecto. Artistas cos que se atopou en diversos traballos ou buscándoos a pé feito, unha morea que amosa aquí na súa maioría, diante dos nosos ollos, co límite en Yolanda Carbajales (n.1968), instantáneas que se mesturan na sala e funden tempos nun presente continuo. Achámonos así ante unha verdadeira poética transterritorial de creadores, algúns deles fóra do mainstream, cos que Gil abre novas perspectivas plásticas, amosando coa amplitude do abano elixido como o impulso das correntes principais chega a outras ondas até conformar un amplo tecido cultural.

Unha mostra que mira ao futuro dende o pasado, paseo interesado por unha lección de estilo que mantén o pulso ante as dinámicas estilísticas do seu medio plástico mantendo por décadas o artista nunha unidade iconográfica baseada na mirada dos protagonistas, pintores e escultores, que teñen transformado a nosa forma de ver e sentir a vida dende a arte ollando no seu interior. Algunhas das fotos son as segundas que lles tira aos artistas, que pousaron de novo co proxecto en marcha, caso de Pulido, Xosé Cid, Basallo, Buciños ou Quintana Martelo. Nelas hai vidas pechadas xa e outras aínda abertas, estrelas todas con reflexos propios que emiten a súa luz dende a memoria dos que os coñeceron e trataron, sendo nos que aínda percorren o camiño da vida connosco, ou no noso tempo, seres de luz que iluminan a dubidosa claridade do día...

Te puede interesar