Opinión

O sofá salvador e algúns naufraxios

Un instante da inauguración.
photo_camera Un instante da inauguración.

Vinte anos e pico despois de retomar a pintura en 2002, Xosé, de Vilamoure, Punxín, na bocarribeira do Barbantiño, xuntouse con máis de cento once variacións do tema do sofá... e decidiu que xaora podía facer esta mostra en 2023: a exposición !, xa que logo non era unha máis, senón unha acción fundente que fixo derreter o xeo que o atenazaba até aquel ano dende facía tres lustros... E así está a amosala neste verán en Dodo Dadá, a Galería de arte do espazo urbano da cidade histórica de Ourense, cuxa dirección leva coa tamén artista Marita Carmona. Até alí fomos e a Xosé, pletórico e tímido á vez, iluminóuselle a cara ao presentármola como unha película, para irmos aportando secuencias e planos da longametraxe. O artista colleu aquel sofá de skai vermello con asento móbil de debuxos xeométricos vexetais en relevo, tan icónico, tan de tresillo, sofá individual testemuña dun mobiliario e dun tempo. Sofá para sentarse no salón, ver a televisión, compartindo cos que sentaran nos outros do tripartito conxunto, e as confidencias do día, logo dos traballos na horta e cos animais, espazo privilexiado que nos transporta do facer ao estar, estarmos entre nós, parar, determos e descansar unha miga, antes de comer, ou despois, coa televisión diante, moitas veces, demasiadas. Bitácora de confidencias, cos pensamentos ou un libro, conveciño do sofá-cama de tripla dimensión, maxia transformadora do salón en dormitorio ao estilo xaponés. Máis no caso da cadeira-sillón do Xosé semella o resto dun naufraxio, parte dun conxunto, rescatado dos tempos doutrora, que se fixo diálogo, por meses, cunha paixón desusada, aplicando témperas no papel, ou acuarela, tamén gouache e pintura acrílica, engadindo de fondo, ás veces, as vermelliñas terras ferruxinosas dalgunha visita ás Médulas do Bierzo leonés, o famoso centro mineiro da antiga Gallaecia romana coa ruina montium de millóns de metros cúbicos, técnica invasora extractiva. Foi de contado unha desculpa para os xogos coas partes, colaxe incluído, e cores, que iniciado dende o realismo, achégase ao proceso do cubismo, analítico primeiro, sintético despois, para chegar á liberación formal. Unha catarse. Como dixo Marita na presentación, a modo de resumo, comezou con dezaseis anos a pintar, para centrarse logo na hostalaría, así no Ollo Ledo, café-bar con espazo para exposicións e actos culturais, até “encontrar esta ventana en el muro del trabajo cotidiano”.

Naufraxios

Aquela reflexión dende o sofá completouna o artista fai unhas semanas no soto-taller da Galería de arte cos Náufragos, recente serie na que “fala de certo tipo de desacougo persoal que me levou a pintar imaxes da historia da arte que foron representando a perda do sentido da vida do mundo que coñezo, o naufraxio da conciencia”. E por aí aparecen fragmentos de obras coñecidas do canon velazqueño e doutros artistas, proceder que reitera con insistencia na súa produción destes vinte anos 2.0. E vai cubrindo as formas coas augas de tons escuros da que  emerxen caras, e algúns ollos..., reflexión que chega até o clamor e o drama das persoas subsaharianas afogadas. Engadindo o pintor, “sen corazón a vida naufraga, literalmente”. A veta compasiva dun artista que segue a camiñar buscando o seu estilo, que se amosa poliédrico e sensible.

Te puede interesar