Opinión

Tono Correa Corredoira, verdade e beleza sen medida en Namib

Lugar sen medida, intitula Antonio Javier Correa (A Coruña, 1952), a súa experiencia fulcral no SO. de África onde se acha o antigo deserto de area de Namibia, de nama, enorme. Nas terras norteñas está o antigo cabo da Cruz, pois alí chegou na súa carabela Diogo Cão do Reino de Portugal, en 1486. Seiscentos trinta e un anos despois o artista galego-coruñés Xavier Correa viaxou, coa súa dona, á descuberta daquelas afastadas terras por mor dun novo proxecto, baseado na Rosa dos ventos, obra de referencia súa que loce no xardín escultórico da torre de Hércules dende 1994. E pouco máis dun ano despois, a comezos de 2019, na cidade de Lüderitz, ao sur do país, en colaboración cos responsables do Maritime Museum, acharon o lugar axeitado para a imaxe que tiña concibida, con motivos autóctonos para os puntos cardinais, como as estrelas en cruz, a Welwitschia Mirabilis,  senlleiro tipo entre as coníferas e esencia simbólica de resiliencia destes pobos, e no Oeste, cara o mar, o orixorca, animal fantástico, que é mestura do antílope órix e un dos cetáceos, a candorca. Lonxe quedan os oito motivos entre as agullas da estrela coruñesa, onde representa dende Tarsis ou Tartessos ao Eire, o dragón de Gales, o cáliz de Cornualles e a vieira para Galiza, motivos e nomes inseridos en dous tipos de tintas planas azuis. E namentres ía facendo aquela obra dominada polo xeométrico e simbólico, que se une coa nosa, de hemisferio a hemisferio, foille entrando o espírito de Namib, a súa “música que é pura cor” repite, frase que engade entre as obras da súa exposición na sala 0 do CCMV da deputación ourensán, comisariada por Ángel Cerviño.

Achéganos así a experiencia artística dende a súa recente inculturación no país do grande deserto, o que me fai lembrar o de cruzar océanos de tempo do Drácula de Ford Coppola, baseada na novela de Bram Stoker, xa que logo antes tamén quedou transformado despois dunha estadía de bolseiro en México. Unha praxe plástica actual súa dende os cadernos de apuntes, a modo de banco de datos, vainos pasando a acuarela e linóleo, proceso que o leva até o óleo, do papel á tela. Eis así unha apropiación da impresión primeira, e das súas lembranzas, para ir resolvendo coa transformación técnica a distancia que o seu espírito busca e precisa. Aínda que vemos en sala en varios casos das fases, caso de Caridade, e outras. Expresionista de amplo espectro dende mediados dos anos setenta, participou activamente do movemento Atlántica de Vigo, cunha actitude de compromiso nos primeiros oitenta, e conforma na súa cidade o GrupOrzán con Pedro Muiño e Pepe Galán, achegándose aos conceptos do expresionismo abstracto e da arte povera, con contido e lirismo de seu. Escultura, gravado, performances e instalacións, ás que engade libros como Un manifesto urxente, Pintor por Italia (arte e escrita), Resina de poliéster, Os días adiados, Cantar dos corpos, a tradución ao galego do Rubaiyait de Kayyam ou Cancións para Ana Lúa, con Xavier Seoane. Un elenco para aquilatalo, que baixa por primeira vez a estas terras de arte e cultura da vella Auria. Para elo mergullouse na luz do Namib coas cores primarias da sensibilidade daquel mundo. Benvido!.

Te puede interesar