Opinión

Vida, con Clara Martín e Lola Doporto

O pasado venres 27 inaugurouse a exposición Clara Martín, Vida, no espazo da Eixo, libraría da rúa Cardenal Quevedo. Na mesma sesión, como non podía ser doutro xeito, presentáronse libros: os poemarios Persistencia da música en novembro, e Chamádeme lúbrica, de Miguel Anxo Mato Fondo e Julio Pardo de Neyra, respectivamente, este con ilustracións daquela artista.

Trátase dun espazo polisémico no que se acollen libros, segundo as palabras dos donos, un lugar para a palabra e non soamente escrita senón para a conversa amigable arredor dos libros, e tamén para a arte. Así dende hai anos... E aínda que noutrora teñamos tratado algunhas das exposicións convén destacar todo este labor, que fai que este sexa singular entre todas as tendas de libros da cidade de Ourense. Elo é así dende o escaparate no amplo acceso exterior no que hai dúas estanterías-exhibidores con baldas revisteiro, acristaladas e perpendiculares á entrada, para que os clientes poidamos achegarmos de vagar, e logo entrar, se así o decidimos. Un reclamo de interese.

Clara Martín (alter ego artístico de Cristalina López Rodríguez) amosa colaxes seus, ben acaídos con bandas que limitan os temas, todo sobre fondo negro, e centrados con círculos ou cadrados. Neles insire frases en francés, caso de Suivez-moi jeunes hommes!, La belle âme ou outra na que combina o co español, Idôle (avanzar para conseguir tus sueños), e con ela Oh qué luna!, Más vida, Avanzar Vivir, Vida e MMM... Uns e outros dende unha linguaxe elegante emiten mensaxes en clave feminina, de acción, máis tamén está presente noutras dúas formas, a Plus belle / mavie! (ou ma vie), unha muller que voa cal Atalanta sobre roseiras, e Por que ten vergonha?. Esta, a única en galego, unha fermosa muller “curvie” en roupa de baño que agacha o rostro cunha rosa, diante da que a artista se interroga. As colaxes dialogan cos libros e tamén con nós, non é?

Lola Doporto

A pintora valdeorresa dos cadros de grandes ollos e das vívidas e rechamantes policromías naquelas primeiras Marionetas fai oito anos, que comezou a pintar cando máis negra tiña a vida, para ir vendo a luz na súa enfermidade; e namentres ía expoñendo ao mesmo tempo Saudade, Alén dos Soños ou Morriña de estrelas, e a súa técnica cambiaba, tratando a cor dun xeito máis decidido e expresivo coas espátulas... A penúltima acción do seu camiñar plástico é o das dúas liñas de panos femininos de seda que reflicten o seu carácter e amosan algunhas das súas obras coñecidas.

Con elas a artista destinou a meirande parte da recadación para a entrega xenerosa e altruísta á Asociación Española Contra o Cancro, entidade que decidiu destinalo á elaborar perrucas. Ten sido un proceso de confección que lle levou máis dun ano até amañar o material idóneo, seda 100% natural, e o estampado das imaxes elixidas, con pintura tamén natural. Son pezas artesanais, únicas, agás dalgunhas a tres cores, tendo que facer dúas tiradas ante o éxito acadado. Agora anda a piques de poñer á venda para Nadal unha terceira liña, con flocos. Ademais, está a preparar unha mostra pictórica para Pontevedra, e amosala no Palacete das Mendoza, vencellado á cultura dende fai moitos anos.

Te puede interesar