Opinión

Besteiro, Lois e Rego

José Ramón Gómez Besteiro, Marta Lois e Néstor Rego teñen xa un parágrafo garantido na longa historia de Galicia. O galego foi a primeira lingua cooficial do Estado que se escoitou no Congreso na sesión de reforma do Regulamento para poder empregar tamén catalán e éuscaro, ademáis do castelán, como xa acontecía nalgún debate no Senado. Besteiro foi o primeiro deputado en falar en galego polo encargo do PSOE para defender a moción.

Marta Lois, portavoz de Sumar, continuou a quenda na tribuna saltando do galego ao castelán como Besteiro

Pola elección pódese interpretar que Pedro Sánchez xa situou ao deputado lucense no carreiro da candidatura á Xunta de Galicia. Se é así, estivo á altura, pero tamén foi unha maneira de simbolizar que o uso dos idiomas cooficiais non vai contra o castelán. O galego non rechía como elemento de confrontación para o españolismo recentralizador, malia que os deputados de Vox liscasen cando comezaba a intervención deixando o pinganillo da tradución no escano baleiro de Sánchez, que se atopaba na ONU, ou ao intento do PP que preside Alberto Núñez Feijóo de impedir a sesión logo de presidir a Xunta 13 anos.

Marta Lois, portavoz de Sumar, continuou a quenda na tribuna saltando do galego ao castelán como Besteiro, mentres o deputado do BNG Néstor Rego só empregou a lingua de Rosalía como dixera antes. Castelao, deputado na República e impulsor do Estatuto de Autonomía do 36 con Alexandre Bóveda e Bibiano Fernández, e as “Mil primaveras máis” de Cunqueiro para a lingua galega aparecerán no libro de actas da histórica sesión no Congreso polas referencias destes tres deputados. Os representantes do PP galego, con gusto ou a disgusto, morderon a lingua. A dereita acusa a Sánchez de ceder ante o independentismo, concesión coa que gaña o Estado.

Te puede interesar