Opinión

Auxe e caída de Mr. Sexting

Caída é unha palabra que queda bastante corta na carreira de Anthony Weiner, e por se fora pouco agora ameaza con levar a Hillary Clinton consigo a 9 días para as eleccións.

Weiner era un “home da xente” que lle din aquí. Un “campechano”. Un tipo que caía ben e que ía arrasar a De Blasio na carreira demócrata pola alcaldía de Nova York. Ata que fixo o que fixo. O xa coñecido como "Weinergate". Canto máis alto estás máis dura é a caída.

Weiner estaba -en pasado- casado con Huma Abedin, man dereita de Hillary Clinton e a súa “filla” política. Anthony comezou a arruinar a súa carreira o día que por erro subiu unha foto -non precisamente da súa cara- a Twitter. O escándalo sexual nun país de tan clara dobre moral coma este estaba servido, e a carreira no Congreso para Weiner acabou aí. Algún día os usuarios desta rede entenderemos que é unha ferramenta útil, pero na que non hai nada que gañar en 140 caracteres e todo que perder… é un caso máis, pero esa é outra historia.

O Weinergate comezou no 2011 e pode danar seriamente a carreira presidencial de Clinton en 2016. O efecto bolboreta dixital. Nun abraiante xiro dos acontecementos, e logo de dar o caso por pechado, o FBI acaba de reabrir a investigación dos emails de Hillary Clinton. Pero non a investigaban a ela, estaban investigando os emails de Weiner e atoparon correos concernentes á Secretaria de Estado. O xefe de campaña de Clinton non tardou en pedir explicacións a James Comey, o director do FBI, onde o insta directamente a revelar as presións republicanas para reabrir o caso custe o que custar. Todos xogan moi duro a falta de nove días para as eleccións. Hai demasiado en xogo.

A priori parece un cartucho á desesperada para volver falar dun tema que estaba oficialmente pechado, pero xa veremos en que queda…o que volveu a palestra de rebote foi Weiner. Polo que se ve quedaba un chanzo máis por caer, aínda que el non o supera.

O WeinerGate foi no 2011. Logo dunha rolda de prensa conxunta coa muller e de pedir perdón á cidadanía, ingresou nunha clínica de adictos ao sexo (dúas semanas). Dimitira do seu cargo de congresista pero seguía na carreira para a alcaldía de Nova York e coma de líder nas enquisas… ata 2013. Nese 2013 unha páxina chamada The Dirty (O Sucio) publicou máis mensaxes subidos de ton e fotografías enviadas a unha rapaza de 22 anos. Esa foi a fin da carreira de Weiner no seu segundo asalto á alcaldía de Nova York. De liderar as enquisas rematou de cuarto con apenas o 5% dos votos. Fóra do Congreso, fóra da vida política, a única que aguantaba estoicamente ao seu carón era súa muller. Temas morais á marxe, non había motivo ate o de agora para que o FBI investigara seus emails. Si que o houbo cando se descubriron novas conversas pero desta volta cunha nena de 15 anos, e ao parecer Weiner sabía da idade da cativa. Nin ela nin seu pai quixeron presentar cargos porque ela dixo que a relación “virtual” era consentida, pero que a fixeron pública por medo a que Weiner estivera facendo o mesmo con outras menores.

Da salchicha

O que en principio foi tomado medio a broma, o “Weinergate” ou “Caso da Salchicha” (“Weiner” como similar á “Wiener” salchicha en alemán) tornou nun tema moito máis serio con menores implicadas. Demasiado para Huma Abedin e demasiado para a campaña de Clinton a tres meses das eleccións. Ulma deu un paso adiante e anunciou a separación do seu marido. Os motivos persoais parecen claros, e en canto aos políticos a campaña de Hillary tamén gañaba. Trump usou a cercanía de Weiner a Clinton para poñelo como exemplo do seu “mal xuízo” á hora de escoller colaboradores.

Non hai nada casual, e menos nunhas presidenciais americanas. Weiner, que tivo todo na man para ser un brillante congresista ou alcalde de Nova York, pode acabar na cadea. Posiblemente cando se destapou o terceiro escándalo seguro que pensou que xa estaba, xa tocara fondo. Citando aos clásicos: no soto do seu fracaso parece que sempre hai sitio para un chanzo máis.

Te puede interesar