Opinión

Trump encantado

Mentía sobre o seu diñeiro, sobre os seus negocios, sobre seu pai. Mentía cando pensaba que podía sacar vantaxe e cando se atopaba en problemas”. Estas son as verbas dun arrepentido, Tony Schwartz. E quen é este home? Pois foi quen pasou 18 meses pegado a Donald Trump para escribirlle o seu libro “O arte de negociar” (non, non o escribiu Trump). Corría o ano 1987 e o libro, asinado por Donald, foi un superventas que o catapultou cara esa imaxe de gañador que segue a ter agora. Schwartz está fondamente arrepentido, é tarde.

Falando de mentiras, analicemos o discurso presidencial de Donald Trump.

Dixo Trump: “Fagamos América grande de novo”. De novo coma cando? Nun país patriota ate o absurdo, e polo que non pasaron as luces da Ilustración no tocante á relixión, hai que recoñecer que estes slogans atopan terreo aboado.

Dixo Trump: “América Primeiro”. América para os americanos. Isto o di alguén que é fillo dunha inmigrante escocesa, de avó alemán e que está casado cunha eslovena. Ole ole e ole. América para os americanos ou América para americanos e os europeos aseados? O que deixa fóra a africanos, latinos e por suposto musulmáns.

Dixo Trump: “Consume americano, contrata americano”. Palabra de Trump, cuxos hoteis e edificios están feitos baixo man de obra mexicana -con ou sen papeis- porque é máis barata. Compra americano, di Trump, cuxo hotel de Las Vegas está feito con aceiro chinés.

Dixo Trump: “Estaremos protexidos por Deus”. Supoño que non falará de Alá. Imaxinan iso en España? Rajoy no Congreso dicindo no discurso de investidura…“e que ademais estaremos protexidos por Deus”. Coa Virxe do Rocío de Bañez para que baixe o paro xa imos servidos. Cando xa apelas á relixión e non a feitos empeza a sospeitar que non hai nada detrás.

Dixo Trump: “Nunca, nunca vos defraudarei”. Di Trump que acaba de pagar 25 millóns de dólares como acordo antes de que o condenaran polo fraude que supuxo a Universidade Trump, foi en novembro de 2016. Hai tres meses. Catro millóns para a Fiscalía de Nova York e o resto para os 7.000 estudantes afectados.

Dixo Trump: “Imos traer as fábricas de novo a Estados Unidos e crear postos de traballo aquí”. Di Trump, quen fabricaba a súa marca de roupa na China. Non deixen de ver a entrevista que lle fixo David Letterman, na que despois de que Trump lle solte exactamente este discurso, Letterman lle saca as garabatas marca Trump coa etiqueta “Made in China”.

Dixo Trump: “Este día será recordado como o día que o pobo retomou o poder”. Esta frase da boca dunha persoa que vive rodeado de columnas de mármore, ouro e auto retratos a tamaño natural, resultaría cómica senón fóra obscena. Como pode pensar un traballador raso que este home é “pobo”! Que é dos seus! Un home que o primeiro que fixo foi rodearse de multimillonarios en postos clave da súa administración. Din os defensores do novo gabinete que como xa teñen cartos non veñen á política a enriquecerse/roubar. Certo, o que se van levar é algo moito máis importante que o diñeiro… información.

O discurso de limpar Washington de burócratas e políticos turnistas é tan loable como oportunista. O Sistema chámase Sistema por algo, e o americano ten moito de podre. Isto de atacar ao establecido, de ser un de fóra, non é máis ca unha mala copia do discurso de 1981, cando nese mesmo escenario onde estivo Trump o venres, Reagan dixo a súa frase para a historia: “O Goberno non é a solución ao noso problema; o goberno é o problema”.

Trump gañou unhas eleccións. A lectura é que os americanos estaban tan fartos de Washington, de demócratas e republicanos, e que compraron algo novo aínda que sexa un home que fai da mentira a súa forma de vida. En Washington estou certo de que estará encantado o bo de Donald, e como me dixo onte unha votante demócrata: “Si, por favor, espero que dure os catro anos Trump, porque Mike Pence (o vicepresidente) aínda é moito peor ca el”.

Te puede interesar