Opinión

Núñez Feijóo e os lumes

O presidente recoñeceu este día no Parlamento que o operativo da Xunta foi totalmente sobardado polos lumes do 15-O. Mais Núñez Feijóo considera que ningún dispositivo de extinción podería parar unha vaga de lumes coma aquela, por mór das d condicións de temperatura, vento e seca e polo suposto terrorismo organizado causante dos lumes.

 O que non dí o presidente é que coa fin de setembro considerou finiquitada a tempada de risco máximo de lumes, prescindindo dos servizos de 436 traballadores (máis de 60 brigadas). Mais daquela  a seca era xa grave e os prognósticos daban temperaturas altas e nada de auga para os días seguintes. O 11 de outubro sabíase xa que para a fin da ponte do 12 habería ventos moi fortes e temperaturas altas e non se adoptaron medidas nin se constituiu un Mando Único.   É evidente que con eses 436 integrados, a alarma dada a tempo e un Mando Único operativo as vivendas e infraestruturas viarias e enerxéticas terían sido moito mellor defendidas e  non habería 49.000 ha. queimadas.

Por outra banda, case un mes despois non hai evidencia ningunha da existencia de bandas organizadas. Núñez Feijóo coñece a macropescuda dirixida hai poucos anos polo pasado fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, que ditaminou a orixe intencionada da maioría dos lumes, mais tamén a inexistencia de bandas organizadas.  Despois dun mes sen novas sobre os terroristas o argumento do presidente comeza insultar a intelixencia da cidadanía.

Canto ao pacto de país contra os lumes, o presidente emenda á totalidade as súas políticas de prevención e extinción desenvolvidas estes oito anos e medio. Máis Banco de Terras, volta aos 50 m. de mínimo da planta de eucaliptos a respecto das vivendas, medidas de ordenación forestal…Algúns dos eixos fundamentais da política do conselleiro Suárez Canal (BNG) posterior á vaga de lumes do 2006 que Núñez Feijóo deconstruiu ao chegar á Xunta no 2009. 

 Benvido sexa este necesario pacto de País. Mais Núñez Feijóo ten que adoptar, para ser críbel, medidas reparadoras da  ineficacia do seu Goberno. Semella que a conselleira do Medio Rural, Angeles Vázquez, e o director xeral de Ordenamento Forestal, Tomás Fernández-Couto, haberían pagar co cesamento pola súa demostrada incompetencia.  

Te puede interesar