Opinión

PP e Pérez Jácome son a mesma cousa

Moi poucas horas antes do pleno da investidura certo mandatario de Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, asinaba con Democracia Ourensana (DO) o pacto para se votar por si propios no Concello e na Deputación e, deste xeito, facer Pérez Jácome alcalde e presidente da corporación provincial ao/á sucesor/a de Xosé Manuel Baltar. Rueda no 2023, canda Núñez Feijóo no 2019, coinciden no relato de que o PP e Pérez Jácome son a mesma cousa. 

Para facer esta viaxe non cumpría traer tantos adubios.

É verdade o que -case- todos vostedes están a pensar. Para facer esta viaxe non cumpría traer tantos adubios. Por outra banda, o que pasou non é improvísabel nas dez de últimas, mesmo partillando nas negociacións o antigo secretario xeral do PP deG, hoxendía alto dirixente do PP estatal, Miguel Tellado. Tampouco é críbel a mansedume coa que o candidato do PP, Manuel Cabezas, acolleu a súa gravísima desautorización, pois que poucas horas antes da sinatura do pacto o exalcalde ofrecía os seus votos ao PSdeG, o que semellaba abrir unha porta á única solución compatíbel coa estabilidade e dignidade da institución: a remuda do líder de DO na alcaldía. Porque cómpre lembrar que se teñen achegado indicios de feitos desta persoa probábelmente tipificábeis como delictos de trascendente dimensión a respecto da gobernanza pública que, ademáis, poden recibir esta semana novas achegas de verosimilitude no decurso das dilixencias de investigación abertas na Fiscalía Provincial. Dilixencias estas que teñen por obxecto todos os audios publicados en La Región, agás o primeiro deles, que é obxecto dunha investigación xudicial independente aberta por denuncia do BNG.

...a única forza que respectou a dignidade e estabilidade institucionais, amosou a súa nidia e inequívoca oposición á continuidade de Pérez Jácome e usou da ferramenta da que dispuña para acadar o obxectivo da súa substitución (votando ao candidato socialista na sesión de investidura) foi o BNG

O PSdeG tampouco estivo á altura. Fallou a executiva nacional omitindo, tan logo se coñeceu a non continuidade de Xosé Manuel Baltar, un anuncio claro e incondicional de que os seus deputados provinciais íanse abster para garantir a escolla do/a candidato/a popular. O candidato socialista á alcaldía, hoxendía independente na candidatura, amosou a febleza da súa posición política no partido, mentres o secretario provincial, Rodríguez Villarino, enleaba coa Deputación e propuña negociacións con Pérez Jácome, proxectando a idea de que un pacto PSdeG-DO pertencía ao xogo do posíbel.

En último de contas, a única forza que respectou a dignidade e estabilidade institucionais, amosou a súa nidia e inequívoca oposición á continuidade de Pérez Jácome e usou da ferramenta da que dispuña para acadar o obxectivo da súa substitución (votando ao candidato socialista na sesión de investidura) foi o BNG, canda o seu candidato Xosé Luis Seara. A eles lles vai cumprir o rol máis sobranceiro na oposición. Mentres, xulgados e fiscalía han desenvolver o seu traballo, achegando á cidadanía a verdade material sobre os feitos denunciados por este xornal.

Te puede interesar