Opinión

A guerra do millo

Ningún país debería depender de terceiros para a produción de alimentos. Chámase “soberanía alimentaria” pero diso, mellor non falar, pois vai contra a globalización. O sacrosanto modelo da economía de libre mercado da UE non existe a nivel agrario, en que o grao de “dirixismo” é total e absoluto; por exemplo, para plantar mil metros de viña necesitas un permiso expreso da autoridade competente, que non conseguirás a menos que arrinques previamente outros mil. Tampouco podes plantar cereal en determinadas leiras, senón gardaches un obrigatorio “barbeito” ou a mesma Política Agraria Común vai dirixindo o modelo agrícola segundo conveña para satisfacción -en moitos casos- de grandes terratenentes que mesmo cobran unha subvención agrícola por plantar trigo e outra ambiental despois por non segalo, e deixar que o coman as avetardas.

A pesar das 200.000 ha de superficie agraria abandonada en Galiza, estamos a producir a metade do millo forraxeiro do Estado, que anda polos catro millóns de toneladas, pero seguimos a ter un problema de dependencia deste cereal para a produción de pensos para alimentación animal, que obrigan a unhas importacións da orde de 8.000.000 de toneladas anuais de millo en gran, un terzo das cales proceden precisamente da Ucraína.

Tamén importamos un millón de toneladas de millo para producir bioetanol, xa que escasamente cubrimos o 16% das necesidades. A planta de Teixeiro (A Coruña) necesita de 340.000 Tm anuais para producir 140 millóns de litros de bioetanol destinado á elaboración de ETBE como aditivo das gasolinas así como 130.000 Tm de DDGS, subproduto proteico para alimentación animal. Este millo tamén é orixinario maioritariamente da Ucraína (41%) xunto co que procede de Romanía e o resto doutros países.

Para afrontar o incremento de custos das materias primas derivados da guerra da Ucraína, a UE acaba de activar a Reserva de Crise destinando a España 64,5 millóns de euros que poderán ser complementados polo Estado con 129 millones de euros máis. A saber cantos acaban nos EEUU de América, agora que a Unión Europea relaxou as normas de importación, e xa poderemos mercar ese millo transxénico americano con residuos pesticidas non autorizados na UE. En todo conflito, sempre hai alguén que se forra. Ata a propia presidenta madrileña, paladín da liberdade, acordou unha sovietízante intervención pública e directa nas fincas propiedade da Comunidade Autónoma de Madrid, co obxectivo de lograr 300 toneladas extra de millo anual. Sen dúbida, estes dez camións contribuirán a reforzar a reserva estratéxica do Estado.

Para repartir beneficios aparecen liberais a destro e sinistro pero, nun estado de guerra, mellor que sexa o Estado quen saque as castañas do lume. Coa crise agravada pola folga do transporte, o goberno vai destinar 600 millóns de euros para bonificación do gasóleo, e outros 450 millóns en axudas directas ao sector de transporte de mercadorías e viaxeiros. As dereitas queren, a maiores, que baixen os impostos estatais (pero sen tocar o 50% que lle corresponden ás autonomías). Non sei se estaremos a espremer a vaca por riba das nosas posibilidades. En fin; cousas da guerra.

Te puede interesar