Opinión

Adeus, presidente

Rematan trece anos de maioría absoluta do “Gran Timonel” a quen o electorado galego encomendou a tarefa de guiar esta nave a bo porto. Os medios de comunicacións públicos e a práctica totalidade dos privados -todo hai que dicilo- xa se encargaron de destacar en portadas e titulares os méritos suficientes para poder cualificalo de “Gran Xestor” (o de “timonel” soa a rancio amarelo). Tamén habería deméritos, pero iso non é motivo de destaque. 

Na realidade é un “Gran Contable” que aplicou fielmente as medidas de axuste e recorte seguindo as indicacións “de arriba” resultando ser certamente un alumno aplicado; unha redución do gasto público que afectou fundamentalmente á protección social e servizos públicos e un continuo “mantra” de redución de impostos pero triplicando a débeda pública galega, que pasou de 4.000 a case 12.000 millóns de euros. O contable foi quen de cadrar as contas pero o xestor, non foi capaz de desligar a correlación da débeda co produto interior bruto, superando xa o 18% do PIB galego, o triplo de cando asumiu o mando.

No caso do rural, tres mandatos completos de maioría absoluta deberían permitir implementar políticas que favoreceran a pervivencia dun espazo vivo. Pola contra, o balance non é esperanzador: desaparición de miles de explotacións sen aumento da base territorial das que permanecen, terras improdutivas que non saen ao mercado, descenso do emprego no sector que acelera os procesos de despoboamento e un éxodo cara ás urbes e reactivan os procesos migratorios con abandono do rural. Como resultado, desmotivación e pesimismo, cada vez máis terra a monte e superficie agraria convertida en matogueira até as mesmas casas; un paulatino empobrecemento do país.

Deberíamos esperar dun gran xestor a adopción de medidas para frear a perda de peso do sector agrogandeiro, corrixir o déficit da balanza comercial agroalimentaria, activar programas agrarios de mellora técnica e desenvolvemento sustentable dos procesos produtivos orientados a redución de inputs e dos custos de produción no camiño da eficacia, apoio á diversificación das actividades económicas coa creación doutras de carácter complementario e alternativo para a mellora da renda agraria que permita o mantemento e mesmo creación de novos postos de traballo... En definitiva, poñer a terra a producir. En fin; un xa foi. Adeus, presidente.

Te puede interesar