Opinión

Agroecoloxía e outras modernidades

Determinados paradigmas na produción de alimentos comezan a mudar. Tamén a conciencia sobre a necesidade de preservar o planeta e a propia saúde poden dar unha visión distinta dos modelos tradicionais. Hoxe, nos países máis desenvolvidos, sobran alimentos (ou iso parece, se observamos a cantidade de produtos alimenticios que van ao lixo cada día nas tendas e cadeas de alimentación e tamén nos nosos fogares).

Pola contra, en moitos países subdesenvolvidos, o crecemento exponencial da poboación supera a capacidade produtiva de alimentos, por falta de espazo agrario, deficiente fertilidade ou polo emprego de técnicas agronómicas ancestrais e pouco eficientes.

Os países “modernos” están dotados de técnicas e tecnoloxías que permiten unha produción de alimentos intensiva e mesmo desproporcionada diante dun censo poboacional minguante. O avance agronómico durante o século XX foi espectacular: control fitopatolóxico de pragas e enfermidades, fertilización, control da flora adventicia mediante uso de herbicidas, selección varietal e mesmo creación de novas sementes por procesos de hibridación ou biotecnoloxía, mecanización, intensificación... ata que nos pasamos de freada.

Así, a nivel europeo, cunha economía de mercado extraordinariamente ultraliberal, a Política Agraria Común (PAC) é, sen embargo, un modelo de “economía dirixida” sen parangón. Unha importante parte do seu texto dispositivo está enfocado á redución de excedentes e aposta -agora si- por modelos máis extensivos dándolle prioridade ao “Pacto Verde Europeo” asinado polos estados membros hai tres anos.

Hai que camiñar cara un modelo agrario sostible, compatible coa preservación do medio, técnicas que non contaminen nin o espazo agrario nin os acuíferos, agricultura ecolóxica, agroecoloxía e outras “modernidades”. En todos os discursos e programas políticos ten prioridade esta nova orientación, necesitada de apoio público para poder competir no agresivo mercado actual, e tamén por que a preservación do medio ambiente debe ser cousa de toda a sociedade, e non so das explotacións agrarias comprometidas máis comprometidas.

No discurso, si. Pero as liñas de axuda da Xunta de Galicia para esta campaña van deixar fora á metade dos que acreditaron neste “novo futuro” confiando tamén no apoio institucional e comprometendo a súa viabilidade. E se a cousa non funciona, o seguinte paso é pechar. Así que, menos discursos e máis realidades.

Te puede interesar