Opinión

Oito anos e un día de inhabilitación

Dentro de ano e medio o concello de Ourense terá redimida a súa última condena. Oito anos e un día de inhabilitación municipal. Ese día, deberiamos coller papel e bolígrafo, facer memoria, e escribir catro ou cinco cousas que se nos veñan á cabeza que significaran un antes e un despois da nosa benquerida Auria nestes dous últimos mandatos municipais. Por exemplo, que o novo PXOM foi definitivamente aprobado despois da desfeita provocada polo caída do planeamento ilegal de 2003 que nos retrotrae ao Ourense de 1986, que dúas ou tres cadeas hoteleiras están como tolas a construír hoteis-balnearios amparadas na seguridade xurídicas do novo Plan Xeral, que o gran parque na finca de Mariñamansa faise realidade coa plantación de dez mil novas árbores arredor da nova piscina municipal climatizada, que os turistas enchen restaurantes e hoteis logo de quedar “ojipláticos” tras desembarcar do AVE na post-modernista Estación Intermodal do Barrio da Ponte.

Podíamos apuntar tamén que, por fin, a Policía Local e o Parque de Bombeiros teñen efectivos e medios axeitados para unha cidade de cen mil almas, que as mulleres xa contan con protección efectiva diante dun machismo que mata, que a densa programación do Auditorio dificulta atopar datas libres para eventos, que a Banda Municipal revive das súas cinzas como escola de futuros instrumentistas e con concertos semanais nun rehabilitado Posío, que a música, cine, teatro, danza e o resto de iniciativas culturais atopan acubillo e apoio da institución municipal permitindo albiscar o rexurdimento da que foi Atenas de Galicia, que...

Ou tamén cousas menores como a eliminación dos baches nas rúas, recuperación do Casco Vello para as persoas, adecentamento e mantemento das zonas verdes e parques, substitución dos “contenedores” soterrados por eses tan modernos dos que falaban, substitución da flota de autobuses estartelados coa nova concesión de transporte urbano, as prazas de abastos da Ponte e das Burgas en plena ebulición, ou simplemente ás árbores profesionalmente podadas (que non chapodadas) e os camiños do rural libres de silvas e sen cortes de auga cada semana.

É posible que, cando esteamos diante do papel, unicamente se nos veña a cabeza a pomposa inauguración das escaleiras mecánicas da Rúa Concordia, con apeadeiro na entrada das Galerias Centrales, ou mesmo a reconversión das Burgas, Chavasqueira, Muiño e Outariz en estanques de peixes termófilos, constatado que o rollo ese termal era efectivamente un bluff.

Podemos esperar sentados que pasen eses oito anos e un día ou, cando menos, expresar a nosa rebeldía nesa chamada de SOS Ourense na manifestación deste xoves. Xa chegará o día de coller papel e bolígrafo para facer balance, e reflexionar antes de escoller a papeleta por que, ao mellor, a culpa non é “dos que están”, senon “por que están”.

Te puede interesar