Opinión

Contrato co medio rural

Hai explotacións agrarias que fan un produto polo que lle pagan nove, que entrega a un intermediario ao que lle pagan vinte e nove, para levar á industria que recibirá cincuenta e nove, rematando no expositor do supermercado coa etiqueta de noventa e nove. É o que se chama a “cadea alimentaria”, na que un produto vai ocasionando gastos e xerando valor en función do percorrido e procesos que realiza. As explotacións agrarias están no límite, pois os gastos que soportan cos combustibles electricidade e materias primas (o dobre que hai un ano) non son repercutidos no produto que comercializan, a pesares de que estes aparecen nos supermercados cun “prezo engadido” as veces meramente especulativo, nada que ver co lexítimo “valor engadido” que debería adquirir o produto. Hai unha “Lei da cadea alimentaria” aprobada recentemente con gran boato pero, evidentemente non se cumpre.

Esta cadea comeza bastante antes: na preparación do terreo, nas emendas orgánicas e calizas para corrixir os solos, na fertilización, na plantación ou sementeiras, labores de cultivo, control fitopatolóxico ou na propia colleita final. Chámase “agricultura” que se fai mirando para o ceo coa esperanza de que non veña unha xeada ou unha sarabia que estrague o traballo dun ano en poucos minutos.

Tamén desde o punto de vista ambiental, estamos tan “observados” que parece que a agricultura é a causante de todos os males. Certo que hai casos con altas cargas gandeiras que sobreexplotan os recursos, plantacións intensivas non fan as rotacións correctas con aportes fertilizantes sobredimensionados, ou concentracións gandeiras que imposibilitan a axeitada xestións de xurros.

Claro que debemos e podemos camiñar cara a sistemas sostibles, que creo que segue a ser a norma e non a excepción, onde a persoas dedicadas á agricultura se comprometan a exercer a súa actividade de xeito que beneficie á súa explotación e a tamén todo o territorio da súa contorna, cuns obxectivos máis alá do simple beneficio económico e que realicen unha actividade de conservación do medio ambiente, da paisaxe e dun medio rural vivo no seu conxunto.

Pero non podemos pretender ser “ecoloxistas” a conta dos outros. Se queremos que a agricultura cubra ese papel terá que asumir o custo á sociedade como conxunto, priorizando a concesión de axudas a estes modelos de xestión do territorio, pero tamén cun apoio real mediante a recuperación dos “contratos de explotación sustentable” que puxera en marcha a efémera Consellería do Medio Rural de Suárez Canal, utilizando os fondos europeos en algo máis que formigón, e tamén co cumprimento da Lei da cadea alimentaria, que non permita que o agricultor cobre nove por aquelo que o consumidor paga a noventa e nove, e que dean seguridade e estabilidade as explotacións a as súas producións agrarias. Un contrato da sociedade co medio rural que puidera aliviar parte desta carga e evitar a baixada de persiana de moitas explotacións. Que é moi fácil de baixar, e dura de subir.

Te puede interesar