Opinión

A desamortización popular

Lembramos as desamortizacións polos seus precursores (Godoy, Mendizábal, Madoz...) e cheguei a pensar que esta levaría o alcume da Desamortización de González, o conselleiro que tanto traballou nela. Pero preferiron facela baixo o paraugas do Partido Popular, con 42 sinaturas parlamentarias, ao estilo de “os abaixo asinantes”.

Fortemente endebedados polas guerras, os gobernantes do século XIX recorren á desamortización, nacionalizando bens e rendas forais que logo venden, facendo caixa e convertendo a propiedade feudal (da Igrexa e da Nobreza) en propiedade plena da nova burguesía urbana ou das vilas rurais. Para moitas familias labregas foi un simple cambio de arrendador, pero é certo que se iniciou un proceso irreversible de acceso á propiedade mediante a redención dos foros por compra ou incluso a eximición por sentenzas xudiciais. 

O sistema Foral pervivíu ata hai pouco. Hai corenta anos, un foreiro de Taboada (Lugo) foi condenado polos impagos dos últimos anos “douscentos cincuenta e oito ferrados de trigo, tres mil douscentos cincuenta e oito ferrados de centeo, corenta e tres carneiros, duascentas libras de touciño, cento sete e medio canados de viño e cento setenta e dous cuartillos de viño tinto” (Afonso Eiré  A Nosa Terra 1981). Seixalbo deixa de ser couto do Bispo tras un longo preito de máis de vinte anos que rematou co réxime foral en 1859 e unha renda anual de cincocentos moios de viño (quizais a primeira eximición por sentenza xudicial en Galicia)

De aí pasamos a unha fragmentación do territorio agravado polas divisións hereditarias, un minifundismo de doce millóns de parcelas é con máis da metade da poboación dedicada a actividade agraria a mediados do século pasado. Na actualidade, cun reducido número de explotacións e unha poboación activa agraria que non chega ao 10% compre revisar o modelo.

Os "abaixo asinantes" populares reforzan o papel do Banco de Terras (logo de telo adormecido varios anos) coa proposición da lei de “Recuperación da Terra Agraria” que tamén permitirá incorporar ao patrimonio público fincas infrautilizadas ou sen dono coñecido, facilitando a creación de polígonos agroforestais publico-privados que poden ser vendidos ao mellor postor. 

Confiemos en que a desamortización destes novos latifundios sirva para ampliar a base territorial das nosas explotacións agrarias, establecendo as cautelas necesarias para evitar unha nova nobreza, desta volta revestida de aparencia multinacional, disposta a ampliar os seus señoríos feudais, poñendo cartos enriba da mesa e piñeiros e eucaliptos nas agras e pasteiros.

Te puede interesar