Opinión

Regreso ao medievo

Qué buen vassallo, si oviesse buen señor
Cantar de Mio Cid

Soñei vivir séculos atrás, nun Ourense convertido nunha sorte de virreinato ao máis puro estilo medieval. Era o Señor quen decidía os designios da plebe, quen quitaba e poñía correxidores ao fronte dos concellos, mesmo quen buscou Correxidor para o importante burgo d'Ourens sabedor que as vestimentas lle quedaban sobradas. Colas da fame pola peste, artesáns, comerciantes e taberneiros afogados pola crise, xograres, trobadores, músicos e artistas na indixencia polo desprezo absoluto do rexedor a cultivar o intelecto natural en troques do artificial. Cos camiños cheos de silvas e as rúas sen varrer, as cousas non pintaban ben, pero os vasalos calaban, e quen cala, outorga, e a plebe asistía perplexa diante do desgoberno e a sinrazón.

A pesar de que o gran Duque consideraba letal a decisión do seu par, non era cuestión de entremeterse, pois a alianza era forte é necesaria para evitar que os Irmandiños tentaran de novo alcanzar o Pazo de Compostela, lugar que por historia e liñaxe non lles correspondía. No seu lugar, asumía con falsa naturalidade o argumento do seu prócer: «no burgo, canto peor, mellor», e non debemos ofender ao Señor do lugar, non sexa que se peche cos seus e se faga forte no seu bastión territorial, como xa tiña feito nalgunha outra ocasión.
Namentres, Ourense camiñaba inexorable cara á decrepitude e decadencia, os límites do Señorío permanecían inexpugnables, cada vez con menos súbditos, pois nacían menos dos que morrían ou marchaban, pero con máis vasalos de incondicional fidelidade.

Espertei sobresaltado. Non foi no medievo o meu decorrer vital, aínda que as veces semella que retornei a el. Nacín a mediados do século XX, cando case medio millón de almas poboaban esta provincia que na actualidade escasamente supera as trescentas mil. Centos de aldeas desapareceron para sempre, e a propia cidade que en 1995 rompeu a barreira dos 110.000 habitantes hoxe escasamente supera os 105.000, e baixando, dato que resulta especialmente significativo por romper unha tendencia habitual na nosa Europa próxima: o incremento das cidades e metrópoles en detrimento do rural. Pois nin iso, ata a propia capitalidade provincial entra nesa dinámica demoledora. 

Volvín a realidade e vexo éxodo e envellecemento do que se teoriza en todos os foros, pero sen que ninguén se acorde na hora das realidades. O Plan Estatal do Reto Demográfico non contempla especificamente nada para provincia, do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e REACT-UE dos Fondos Europeos “Next Generation“ nada sabemos, a cidade de Ourense renuncia á subvención de Red.es para turismo intelixente por que seica é unha “chorrada”, o termalismo en Ourense, parece que é un “bluff”. Menos mal que o Pazo Provincial será reconvertido en Gran Hotel Balneario, para delicia dos que avogan pola súa desaparición. E a Universidade Popular desaparecerá tamén, non hai que formar mentes inquietas. E o AVE pasará, pero non parará. Para que? Menos mal que so foi un soño. E conto aquí porque, seica, os soños se se contan, non acontecen.

Te puede interesar