Opinión

Seixalbo, repensar o PXOM

Esoutro día contemplei unhas imaxes aéreas das obras do AVE ao seu paso por Seixalbo, obtidas pola pericia do noso veciño o enxeñeiro aeronáutico Jesús Bande Cid. Quedei impactado: casas demolidas, deforestación a matarrasa e toneladas de terra movida. En breve, as obras da circunvalación leste serán a “puntilla” da transformación deste espazo. A desaparición dunha paisaxe traballada durante séculos, de fogares que caen baixo a piqueta é a peaxe (mal pagada) que o progreso supón para esta pequena vila: grandes cargas e escasos beneficios.

Dou por feito que o Concello estará vixiante para unha correcta reposición dos servizos: acuíferos, mananciais e canles de rega, abastecementos de auga domiciliaria, saneamentos, canalización de cunetas e pluviais, accesos e servidumes de paso ás fincas, permeabilidade para as persoas entre ambos lados da vía, etc. 

Lembrar que núcleo histórico de Seixalbo ten normativa urbanística propia, o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI), pero somos algo máis: seiscentas hectáreas nas que hai vivendas, adegas, industrias, comercios, montes, viñas, hortas, ríos, regatos, camiños de ferro, de asfalto, de terra... e xente; moita e boa xente. Tamén algunha ruín, non o vou a negar.

Excluíndo o PEPRI, o demais está sometido á normativa urbanística do PGOU de 1986 ou a Lei 2/2016 do Solo de Galicia. O PXOM de 2003 caeu axusticiado, e o novo borrador está pechado con dúas chaves: unha en poder de Jácome e outra en poder de Sonia Ogando. Seica non se falan e, visto o visto, mellor que sexa así ata que veñan tempos mellores.

Un instrumento como o Plan Xeral de Ordenación Municipal non debería limitarse exclusivamente a “pintar” estes novos viais sobre a cartografía e mirar para outro lado respecto do parcelario. Moitas parcelas quedan literalmente “amputadas”, os accesos e servizos varían substancialmente e a realidade mesmo orográfica vese alterada. Creo que o PXOM de Ourense debe repensarse nestas zonas “castigadas” para compensar, aínda que sexa mínimamente, a desfeita nos capitais territoriais e aforros de tanta xente, de tantos anos, de tantas vivencias. Quizais creación de novas áreas de reparto, redefinición de espazos edificables e mesmo da propia normativa de edificabilidade, parcela mínima, volume de ocupación, altura máxima, etc. O interese xeral non debería prexudicar o interese particular máis aló que a estrita ocupación dos terreos necesarios.

Tamén, por que non aproveitar a vella vía para un metro de superficie Taboadela-Polígono-Seixalbo-Rairo-Complexo Hospitalario-San Francisco-Campus-Ponte-Santa Cruz... que o AVE está moi ben, pero aquí tamén hai xente. En fin... os soños dun vello tolo.

Te puede interesar