Opinión

Un tiro no pé

Respecto das polémicas declaracións dun ministro na súa singular campaña contra o consumo de carne, se queren saber a miña opinión, contestarei cun rotundo e galaico “depende”. Coa miña teima de “máis pastos e menos pensos concentrados” e a defensa da base territorial ligada as explotacións que levo tantos anos predicando, non podo por menos que apoiar ao Sr. Garzón na súa oposición ás macro-granxas. Este apoio creo que é compartido por unha grande parte das explotacións galegas que, por certo, levan anos adaptándose ás ultra-esixencias en materia de control zoosanitario e fitosanitario, nutrición e benestar animal e redución e xestión de residuos.

Claro que hai excepcións que haberá que vixiar, perseguir e combater, non sei incluso si desde o seu propio Ministerio, pois ignoro as súas competencias desde que fora sorprendentemente desligado de Sanidade. Pero creo que erra poñendo o foco nas explotacións de vacún (“the huge impact that eating meat – particularly beef”) xa que a problemática máis preocupante, ao meu entender, está na produción intensiva en porcino e incluso aviar. De bovino, en Galicia, nin temos macro-granxas nin se lles espera.

Na ampla entrevista publicada no The Gardian fai unha desafortunada afirmación que, como era de esperar, rapidamente foi aproveitado pola oposición máis xenuinamente “española”: “... o que non son para nada sostibles son estas chamadas macro-granxas... Atopan unha aldea nun anaco despoboado de España e poñen 4.000, ou 5.000 ou 10.000 cabezas de gando. Contaminan o chan, contaminan a auga e despois exportan esta carne de mala calidade destes animais maltratados”.

Nunca esperaría a última frase en boca dun ministro español a un periódico estranxeiro, pero aí apareceu e, a data de hoxe, segue sen estar corrixida: “They pollute the soil, they pollute the water and then they export this poor quality meat from these ill-treated animals” (sic).

Ata onde eu sei, o Estado español non exporta carne de mala calidade de animais maltratados nin a Unión Europea nin a países terceiros. Cumpre estritamente a normativa de importación-exportación de produtos cárnicos que establece a Dirección Xeral de Sanidade e Protección dos Consumidores da Comisión Europea. Pode haber excepcións que burlan os controis, pero a excepción non é norma. Por iso, que un alto representante do goberno diga isto, pode ser un tiro no pé a todo un sector que leva investido millóns de euros para adaptarse á macro-esixente normativa comunitaria.

Claro que si a intención do sr. Garzón era poñer enriba da mesa o debate das macro-granxas, espertar conciencias e alporizar ás dereitas, o obxectivo foi conseguido. Nese caso, haberá que darlle os parabéns ao señor ministro. Xa ven, aínda co pé dolorido, todo depende.

Te puede interesar