Opinión

Wine in moderation

O emperador Domiciano, fillo de Vespasiano, obrigou a arrincar a metade das viñas en todo o Imperio e substituílas por trigo para remediar a escaseza de pan, pero fracasou no intento, seguramente ao pretender introducir o cereal nos socalcos da Ribeira Sacra, ou nos xistos metamórficos de Valdeorras.

Ven a conto por que o Parlamento Europeo acaba de aprobar o Informe BECA sobre Loita contra o Cancro, cun enfoque integral (prevención, detección e tratamento) que contempla unha serie de “recomendacións” sen consecuencias xurídicas que obriguen á Comisión Europea ou aos Estados membros pero que, a medio ou longo prazo, acabarán trasladándose a directivas e normas de obrigado cumprimento.

Entre os principais factores de risco destaca o consumo de tabaco, a contaminación do aire ou exposición a substancias perigosas no traballo. O elenco de precursores é incontable, e tamén inclúe o consumo abusivo de alcohol, entrando no debate a conveniencia ou non de incluír no etiquetado de bebidas alcohólicas advertencias sanitarias.

O concepto alcohol é tan amplo que, evidentemente, inclúe o viño, elemento historicamente clásico na dieta mediterránea (por certo, patrimonio cultural inmaterial de la humanidade). Das 26.000 hectáreas de viñedo en Galiza, case a metade están en zonas con especial protección: cinco Denominacións de Orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras) e outras tantas Indicacións Xeográficas Protexidas (Val do Miño-Ourense, Terra de Betanzos, Terra de Barbanza e Iria e Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia). Aquí traballan, de xeito directo, máis de quince mil homes e mulleres. Tamén temos 440 adegas que producen uvas de nomes ancestrais como Albariño, Treixadura, Godello, Branco Lexítimo, Agudelo, Mencía, Sousón, Caiño... para elaborar «viño», ese “alimento natural obtido exclusivamente por fermentación alcohólica, total ou parcial, de uva fresca, estrullada ou non, ou de mosto de uva” (Artigo 2.e da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da Viña e do Viño).

Celebro que a decisión final aprobada polo Parlamento Europeo incorpore un importante matiz: a recomendación na etiqueta dun consumo moderado e responsable en troques de etiquetados agresivos como xa sucede con outros produtos. Por que a viticultura cumpre un papel social e medioambiental nas zonas rurais, tantas veces heroica, que ocupa espazos imposibles, e sen máis alternativa que o abandono, o lume e o éxodo, polo que espero que non retornemos aos tempos de Domiciano, fillo de Vespasiano. Wine in moderation.

Te puede interesar