Opinión

Levar o estatuto de autonomía ás empresas

Na Italia dos anos sesenta do século pasado, o goberno lanzou unha campaña dirixida a “introducir a Constitución nas fábricas” coa pretensión de garantir os dereitos individuais dos traballadores; procedendo, ao tempo, a unha limitación paralela dos exhorbitantes poderes do empresariado. Unha medida que o Estado español non promoveu despois de ser promulgada en 1978 a Constitución. De aí que as negociacións colectivas seguísen os modelos utilizados no réxime da dictadura, malia a xurisprudencia ditada anos despois polo Tribunal Constitucional, que establecía que “a celebración dun contrato de traballo non implica de ningún modo a privación para unha das partes, o traballador, dos dereitos que a Constitución lle recoñece como cidadán”, pois “nin as organizacións empresariais forman mundos separados e estancos do resto da sociedade nin a liberdade de empresa que establede o art. 38 do texto constitucional lexitima que os que presten servizos naquelas por conta e baixo a dependencia dos seus titulares deban aturar substracións transitorias ou limitacións inxustificadas dos seus dereitos fundamentais”.

A sumisión dos traballadores e a intransixencia das empresas recortando os dereitos constitucionais foi unha constante que aínda hoxe segue viva, desgrazadamente; aínda que en menor medida.

Consonte con esta xurisprudencia, unha sentenza dun dos Xulgados do Social de Vigo puido ter consecuencias favorables en Galicia se os sindicatos a secundasen. O caso que a motivou foi a demanda presentada por un traballador da Compañía Nacional Telefónica de España, naquela altura empresa pública, que reclamaba o dereito a redactar en lingua galega os partes de traballo solicitando o pagamento de dietas. A empresa pretextaba que a decisión tiña que tomarse na sede central en Madrid. O maxistrado foi tallante ao indicarlle á empresa o dereito que lle asistía ao traballador,e obrigándoa a procurar medios propios para a súa tradución. Esto acontecera na década dos anos oitenta. 

A sumisión dos traballadores e a intransixencia das empresas recortando os dereitos constitucionais foi unha constante que aínda hoxe segue viva, desgrazadamente; aínda que en menor medida. Madia leva! Velaí está o traballo realizado polo Foro E. Peinador para conseguir avances no recoñecemento dos dereitos lingüísticos. Sen embargo, hai empresas públicas, tales son os casos de Navantia e outras, que seguen sen amosaren respeto polas linguas cooficiais dos territorios na que están asentadas. Nesta liña tamén actuaron no seu tempo as antigas caixas de aforros, entidades financieiras coparticipadas polas institucións públicas.

Cómpre sinalar que en 1989 unha empresa láctea Larsa incluíu no seu convenio colectivo un capítulo con dous artigos titulado “Dereitos lingüísticos”, aínda hoxe en vigor, recoñecéndolles aos traballadores e consumidores o dereito a utilizaren oralmente e por escrito a lingua galega nas relacións coa empresa. A Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, que fora a promotora de tal iniciativa, pioneira na historia de Galicia, intentou extender o exemplo a través dos sindicatos, que amosaron unha inexplicable indiferenza. 

Os novos conselleiros e conselleiras, da recente remodelación do Goberno galego, deberan poñer en práctica as medidas comentadas, que están recollidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia.

Recentemente Inditex anunciaba un acordo ao que chegou con algunhas centrais sindicais “para aplicar 100 medidas recoñecendo os dereitos constitucionais dos traballadores e traballadoras nas relacións laborais”. Unha decisión positiva que foi desaproveitada para extendela aos dereitos lingüísticos consonte coa filosofía inspiradora da Responsabilidade Social Corporativa que recomenda ás empresas o respecto pola cultura e lingua dos territorios no que desenvolven as súas actividades.

Para que esta práctica abra un proceso dinamizador é imprescindible a intervención decidida das consellerías da Xunta de Galicia con competencias no ámbito empresarial, que deberan condicionar as subvencións a adopción de medidas galeguizadoras na sinalética, etiquetaxe, publicidade e negocación colectiva. Os novos conselleiros e conselleiras, da recente remodelación do Goberno galego, deberan poñer en práctica as medidas comentadas, que están recollidas do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia.

Te puede interesar