Opinión

A volta de ABBA

O “Voyage” de Abba.
photo_camera O “Voyage” de Abba.

Para os que somos eurovisivos, esta especial volta de Abba é un reencontro cun dos momentos máis grandes da historia do Eurofestival. Porque nos milleiros de enquisas que os eurofáns realizamos opinando sobre que cancións e intérpretes son os máis importantes, pode haber moita diversidade de opinións, pero salvando aos máis noviños, que cando unha canción ten un mes de vida xa lles parece “vintage”, o certo é que o resto temos claro que houbo un antes e un despois desde que aquel grupo sueco irrumpía no escenario de Brighton, rompendo todos os esquemas do visto e oído ata ese momento, cunha canción e unha posta en escena e vestiario que nos deixaron alucinados. 

Hai que contextualizar todo isto no momento no que se producía, o ano 1974, nunha edición realmente interesante; desde a canción portuguesa “E despois do Adeus” interpretada por Paulo de Carvalho, que sería utilizada semanas despois como pistoletazo de saída para a “Revolución dos Caraveis” que poría fin ao réxime autoritario que sometía aos nosos veciños lusos; ou a censurada pola RAI italiana, que se negou a retransmitir o festival, porque a xa gañadora doutras épocas Gigliola Cinquetti, e segunda nesta edición, levaba un tema titulado “Si”, coincidindo coa campaña política para o referendum italiano sobre a Lei do Divorcio que se celebraría un mes máis tarde. E no ranking das que intentaron desbancar a Abba tamén estaba a que logo arrasaría nas salas de cine como partener de John Travolta en “Grease”, a pizpireta Olivia Newton-John, que representaba ao país anfitrión obtendo un meritorio cuarto posto; sen esquecernos do noso rumbeiro catalán Peret que lle interpretou a Europa aquel “Canta y sé feliz”, canción que hoxe non sería moi políticamente correcta.

Pois todo iso ocorría no ano no que Abba entraba na vida de millóns de persoas en Europa e en medio mundo, desde Sudáfrica e Australia ata o Canadá, converténdose nunha das principais fontes de divisas para Suecia, dado o tremendo éxito das súas cancións nos poucos anos que estiveron xuntos, apenas unha década, con vodas e divorcios polo medio. A pesares dun pequeno declive nos anos 80, a súa música volveu con forza nos 90 a base de recompilatorios e grandes éxitos discográficos, chegando a súa lenda ata os nosos días, nos que seguen a ser un grupo de culto. Tanto é así que os musicais baseados nalgunha das súas cancións como “Mamma Mía” están anos e anos nas carteleiras das principais cidades do mundo, como Madrid, onde tiven a oportunidade de ver a unha espléndida Nina, tamén eurovisiva e logo directora da Academia de OT, que sería a gran protagonista dese musical na Gran Vía madrileña entre 2004 e 2010.

Volve Abba aos escenarios londinenses dun xeito moi especial case 40 anos despois, será en maio e en plan Avatar virtual, e será ao grande, onde cantarán cancións do seu novo disco “Voyage” e moitos dos seus grandes éxitos, que no seu día foron traducidos a infinidade de idiomas. Os concertos serán nun recinto construído especialmente para tal fin e onde se poderá gozar destes “ABBAtares” que replicarán o seu aspecto de entón, e de paso comprobarán unha vez máis como a súa perdurable popularidade trascendeu xeracións e fronteiras. O novo disco de Abba soa a Abba mírese como se mire, pero ¿é que realmente queriamos outra cousa? De ningunha das maneiras. Queremos Abba en estado puro.

Te puede interesar