Opinión

Desde a carroza real

Non sei se se equivocaron na capital de España á hora de plantexar o desfile tal como moitos critican nas redes sociais, a min particularmente gustáronme os traxes dos Magos de Oriente, cuns deseños máis “cool” e máis teatrais que os que estamos acostumados a ver cada 5 de xaneiro; gustoume a imaxe e o discurso do rei Melchor e a actuación musical de Baltasar, e no caso de Gaspar, que foi o rei que eu tiven a honra de representar hai algúns anos, é posible que lle faltara un chisco mais de caracterización para envellecelo, polo demais nada que obxectar, os reis cumpriron co seu papel na Cabalgata. ¡Ogallá puideran cumprir co seu outro gran papel!, o que lles outorga o poder máxico de non deixar a ningún neno sen agasallo na madrugada máis especial do ano. Do resto do desfile tampouco moito que opinar; cada cidade, en base a presupostos e creatividade, decide como organizalo e con que elementos contar; a min sempre me pareceu fantástico o de Barcelona, onde as grandes compañías de teatro catalás fan auténticas marabillas para deleite de nenos e maiores, como moitas veces o ten feito tamén o Grupo de Teatro “Sarabela” na capital ourensá. O de Madrid deste ano ben podería estar baseado naquela “Alianza de Civilizacións” que tanto pregoara o expresidente Zapatero; nada que obxectar tampouco, en tempos tan convulsos nada mellor que dar unha imaxe de entendemento e concordia; pero por poñerlle un pero, e xa que se coidou moi moito o de non facer sufrir ós animais de catro patas prescindindo da súa presenza, non estaría demais evitar tamén o desfile en panos menores dos representantes da comunidade ecuatoriana e algunhas outras máis nas frías temperaturas madrileñas.

Polo que respecta aos nosos lares, un “Bravo por Ourense” e outras cidades e vilas que contra vento e marea sacaron adiante as súas Cabalgatas, a chuvia non puido coa ilusión dos máis pequenos. En Vigo tiñan xa preparado un plan “b” no caso de que a galerna complicara as cousas, pero eu sempre penso que os nenos quedarían igualmente encantados con que a Policía Local e tres coches do sempre voluntarioso Corpo de Bombeiros levasen ás Súas Maxestades polo percorrido coas luces e sereas a todo trapo, e deixando que os paraugas cumprisen a función que teñen, a de protexernos da chuvia, non a de converterse en recollecaramelos cos que os máis agudos, nenos e maiores, fan o seu agosto, mentres que a maioría dos pequenos quedan sen nada ou, pior aínda, vanse para a casa cun ollo ferido por un caramelo incontrolado. Este tema sí que habería que replantexalo, os Reis non deben de perder o tempo bo- tando caramelos, para eso están os paxes, os Reis soamente teñen que sorrir, saudar, botar bicos e mirar para as caras dos pequerrechos. Estallo dicindo alguén que mesmo tivo que conter as bágoas de emoción en moitos momentos do percorrido.

E deixémonos de polemizar sobre a credibilidade dos traxes de Madrid, porque entón habería que falar tamén das barbas e perrucas que as Maxestades de moitos outros lugares teñen que ir recolocando ó longo do percorrido. 

Te puede interesar