Opinión

Eurovisivos (1) - Karina

Non é a primeira vez que lle dedico esta columna a Karina, pero como estamos a menos dun mes de que se celebre o Festival de Eurovisión, quero recordar algunhas das figuras españolas que por alí pasaron colleitando un grande éxito.

Karina estivo a piques de repetir o triunfo de Massiel e Salomé que cos seus “La La La” e “Vivo Cantando” conseguiron facer un chisco máis felices a todas as familias que viamos o festival como o gran acontecemento televisivo anual. Hoxe a cousa cambiou moito; despois dalgunhas décadas languidecendo, Eurovisión conseguíu captar a milleiros de novos seareiros que se apuntaron ás novas tecnoloxías, aos grandes espectáculos e ás novas músicas, aínda que para elo o Eurofestival tivera que prescindir de músicos e coros en directo, e os artistas poidan levar prácticamente todo cociñado da casa, co “aitotune” a tope para correxir desaxustes e desafines, e sen ter máis que poñerlle un chisquiño de voz por aquelo de disimular algo, convertendo o festival nunha sucesión de videoclips. Pero repito, isto que tanto nos disgusta á “vella garda eurovisiva”, logra captar a audiencia de millóns de rapaces que se senten representados polo que alí están vendo.

Desto falaba esta semana con Xavi Abad de “PetardPop”, que viña acompañado da ourensá Itos, xerente do “Plaff” de Vigo, onde se celebran concertos de artistas que pasaron ao longo dos anos por Eurovisión, como Nicki French, que representou ao Reino Unido no ano 2000 e que estará no “Plaff” o próximo sábado día 27. A súa canción “Don’t play that song again” conseguíu facerse moi popular en toda Europa.

A ver se algún día podemos traer á querida Karina para rememorar aquel “En un mundo nuevo” á que soamente Séverine co seu “Un banc, un arbre, une rue” conseguíu quitarlle o triunfo. Era o ano 1971, e Karina conseguira a representación española gracias a gañar o programa “Pasaporte a Dublín” de TVE, pasando por riba de artistas da talla de Rocío Jurado ou Nino Bravo entre moitos outros famosos.

Eu tiven a sorte de contar nos meus programas con esta artista tan entrañable; é un pracer traballar con ela, sempre disposta a facer o que sexa para agradar ao público e ao equipo. Unha muller que sigue cantando moi ben, e para proba esa nova recreación da canción “A mi manera”, o “My Way” de toda a vida, que popularizaran Paul Anka e Frank Sinatra. Ata eu tiven a ousadía de gravala en galego hai xa uns cantos anos. É un tema impresionante.

Como impresionante foi a carreira de Karina en España e América; tanto éxito colleitou ao outro lado do charco que mesmo tivo que fixar a súa residencia por un tempo no moi querido México que tanto lle aplaudía. Como lle aplaudiron hai pouco cando pasou por “Luar”, onde revisando o video da actuación é fácil sentir o que sentía o público que a estaba vendo en directo todo emocionado.

Karina entra nos nosos corazóns por esa ventá que nos abríu en Instagram en tempos de pandemia, onde nos fala do divino e do humano, con ese xeito tan natural e inocente que sempre tivo de falarnos. Ogallá que nos siga falando e cantando durante moitos anos aquelas cancións da nosa nenez, “El Baúl de los Recuerdos”, “Romeo y Julieta”, “Las Flechas del amor”, “La Fiesta” ou aquel “Me lo dijo Pérez” co que gañara o Festival de Mallorca. Sen olvidarnos da versión que fixo do “Poupée de Cire Poupée de Son” co que France Gall gañara Eurovisión.

Te puede interesar