Opinión

Noites de Circo

Andan estes días por Caminha un par de pequenos circos que lonxe de chamar a miña atención polo que ofertan nos seus carteis de promoción, con "Anxos do Inferno" incluídos, fano polos moitos recordos que me traen doutros momentos vitais onde a chegada do Circo ao teu pobo convertíase nun auténtico acontecemento. E nin sequera falo de grandes circos con vistosas carpas e camións-xaula ateigados de leóns e tigres hoxe non permitidos; falo daquelas modestas "Comedias" ao aire libre que facían as ledicias de nenos e maiores.

Un simple megáfono instalado no alto dunha pequena furgoneta servía para anunciar aos catro ventos que pola noite había festa na Barreira alaricana e que a diversión estaba garantida. Non facía falta que na "troupe" viñeran os "Hemanos Tonetti" co Circo Atlas, que tamén viñeron no seu día e foi marabilloso, senón que bastaba coa actuación do "Gran Pocapena", un fantástico paiaso que non precisaba de grandes artificios para facernos felices, únicamente ataviado co seu gran abrigo bermello e co seu enorme nariz de quita e pon. O mesmo paiaso que momentos antes era o que se deslizaba maxistralmente polo arame ou facía piruetas de vertixe no sempre impactante trapezo. Do mesmo xeito que a descocada bailarina era tamén a contorsionista que desafiaba as leis da física nunha sinxela escada ou mesmo che vendía as rifas coas que poder gañar un par de botellas de Sidra Champán "El Gaitero", ou cousas polo estilo. 

Case todo o público asistía a estes entrañables espectáculos de pé, salvo os máis previsores que levaban a silliña da casa para estar máis cómodos e poder dar palmas ao ritmo do "Cántame un pasodoble español", que cal Lolita Sevilla entoaba a devandita contorsionista, reconvertida en cantante de copla.

Do marabilloso mundo do circo tamén me quedou gravada a miña viaxe de Allariz á capital para gozar co espectáculo do impresionante Circo Price, que instalado no Pavillón dos Remedios significou a volta ao trapecio, e sempre sen rede, da gran Pinito del Oro, que elexíu Ourense para a súa "rentrée" despois dunha tremenda caída que lle supuxera partir varias costelas e estar alonxada das carpas bastantes meses.

Tampouco podo esquecer o que significou para min ver ao auténtico Angel Cristo cos seus leóns e coa súa dona comandando unha lexión de imponentes elefantes, aínda que foran as tres axudantes quenes manexaban realmente aos paquidermos. O mestre de cerimonias xa se encargaba de pregoar a todo volume que quen mandaba en todo aquelo era a "sempar" "Báaarrrbaraaa Reeeyyy", con quen moitos anos máis tarde coincidín debatendo nun plató de Telemadrid. Creo recordar, ou non sei se o soñei, pasar un bó susto cando algo se enganchou nas xuntas das rexas protectoras das feras e a piques estivo de provocar unha traxedia. Pero repito, isto igual é froito do meu maxín. 

O que sí é certo é que sempre admirei aos artistas do circo, co seu "máis difícil aínda" e o inquietante retumbar dos tambores, pero como ben saben vostedes, porque así o teño expresado aquí moitas veces, sempre quedará no meu corazón o noso querido "Circo de Los Muchachos", que desde a inesquecible Benposta en Seixalbo levaron con orgullo o nome de Ourense polo mundo enteiro.

Te puede interesar