Opinión

O día de "pi"

Con Dulce Pontes e "a letra Pi".

A miña xente, tanto a máis próxima como a que tan amablemente me segue na radio, na tele, ou a través do periódico, chámanme maioritariamente “Pi”, en vez de Piñeiro ou José Manuel. Ben é certo que aínda quedan bastantes amigos que seguen utilizando cariñosamente o alcume de “Súper” que tanta gracia me segue facendo despois de todos estes anos. 

Pero o simpático é que, nestes tempos nos que as redes sociais cambiaron o xeito de comunicármonos, son moitos os que me felicitan tal día como mañá, 14 de Marzo, como se do meu aniversario tratásese, e eu recibo as misivas co mesmo afecto que as que me chegan no día 19 por San Xosé. O feito é que se acordan de ti e iso é o realmente importante. 

Ao parecer o de celebrar o “Día de Pi” en tal data é unha iniciativa do físico Larry Shawn que foi medrando en popularidade ao longo dos anos, con múltiples formas de celebración polas xentes da Ciencia que se reunen de xeito lúdico para intercambiar opinións e experiencias sobre a influencia do número “Pi” nas nosas vidas, cousa que os que sempre aprobabamos raspadiño as matemáticas non entendiamos moi ben. O certo é que tanta importancia ten que ata o Instituto Tecnolóxico de Massachussetts acostuma enviar as cartas de aceptación aos seus futuros estudantes de tal xeito que as reciban nese día exacto. Eu, como moito achegamento festivo, o máis preto que estiven de dita letra foi vendo un par de veces a oscarizada película de Ang Lee “La Vida de Pi”.

E desto e outras cousas falaba esta semana cos meus amigos Mónica e José Ramón de Sarreaus, cos que por fin puiden quedar e degustar un estupendo xamón para celebrar o noso reencontro físico despois de varios meses sen vernos. E de meses tamén falamos porque este é o titular do día, “O Ano do Confinamento”, e ninguén deixa pasar tal “efeméride” sen comentar que facía unhas horas antes de que hai xusto un ano nos meteran a todos na casa e cambiara radicalmente o noso “modus vivendi”, pero neste caso para mal, non como no caso de “Pi”.

Eu lembro que antes de esa fin de semana fatídica xa levaba varios días confinado por aquelo da precaución e porque xa non me cheiraban ben as cousas, o da “mascarilla” para min xa era de uso cotiá, e recordo que gravara un “Bamboleo” en martes, e á volta xa me enclaustrei sen agardar á mensaxe institucional do sábado.

Case que descubrín 21 anos despois que o ático no que vivo ten unha pequena terraza onde fixen que as “Sesións Vermú” fosen eternas, xantando cando xa tocaba merendar, engordando o que non está nos escritos, e vendo o Telexornal do mediodía ás cinco da tarde. Pero o certo é que foron moitas as veces que me veu ao maxín a canción de Sabina “Quien me ha robado el mes de abril”. E soamente pido que estes estancamentos destes días na baixada da incidencia do coronavirus ou mesmo algún repunte ameazador non nos priven de poder vivir a época máis bonita do ano; non hai cousa que máis guste de facer a estas alturas que deixarme perder co coche por calquera estrada descoñecida descubrindo paisaxes e arrecendos deses que nos reconcilian coa maltratada Natureza.

Pasear ás beiras do Arnoia pola Alameda, o Arnado, o Briñal ou a Acearrica de Allariz, cando o noso río aínda vai ben brioso coas augas da Serra de San Mamede é un luxo para os sentidos. Dame igual quedar sen Entroido, sen San Xosé e sen Pascua, pero por favor, que non nos deixen sen Primavera.

Te puede interesar