Opinión

Os 50 de Baute

Con Carlos Baute.
photo_camera Con Carlos Baute.

Entérome pola “exclusiva” do “Hola” que o cantante Carlos Baute cumpre 50 tacos. Está claro que o tempo corre para todos, ben é certo que a algúns, como é o caso de Carlos, mesmo parece que o tempo se lle detivera case na adolescencia.

Dou fé de que as fotos que aparecen na revista do corazón responden bastante fielmente á realidade; iso sí, sempre coa marca da casa “Hola”, con luz marabillosa, paraxes idílicos e retoques onde faga falta; aínda que no caso de Baute non sexa preciso tirar moito de bisturí gráfico, porque o condenado conserva prácticamente a mesma cara de cando nos encontramos por primeira vez. E xa pasaron anos, case tantos como el leva cantando en solitario, que son os 30 que vai celebrar coa xira “De mi puño y letra” que comezará o próximo mes de maio nos Estados Unidos e que o levará por países de América e España.

Ese primeiro encontro de hai case tres décadas foi na Discoteca “Lennon” da Estrada onde se gravaba o “Tequelexou” da TVG, programa que eu presentaba compaxinándoo co “Supermartes”. Por unha caída terrible de Carlos Ayeres, que daquela dirixía o programa e que o mantivo hospitalizado e en recuperación moitos meses, mandáron facerme cargo da dirección do programa, onde se combinaban as cancións, as tertulias distendidas, o humor e os bailes de salón, que en Galicia aínda estaban en panos menores, tendo que tirar moito en cada gravación de bailaríns de todas as idades e categorías, mesmo campións de Europa, chegados desde Cataluña. Pero tamén é verdade que conseguimos facer escola e sobre todo facer o ruído televisivo suficiente, gracias ás boas audiencias, para que comezasen a abrir moitos centros e escolas de baile de onde sairían profesionais tan destacados como Patricia Martínez ou o agora máis recoñecido Adrián Esperón, gracias ao programa “Bailando con las Estrellas” e a súa polémica con Elena Tablada. O neno Adrián, que empezou a bailar con oito anos, era xa un asiduo do “Tequelexou” dando mostras de que alí tiñamos a un futuro campión, como así foi, gañando 14 veces o título de Campión de España en Baile Deportivo e conseguindo cinco semifiniais de Europa, Mundo e World Games. Sempre recordamos aqueles inicios cando visitaba o “Bamboleo” en repetidas ocasións. Agora rexenta en Pontevedra xunto coa súa parella Noemi Abal a escola “Pontebaile”.

E se de inicios falamos volvo a Carlos Baute, quen pasou polo programa antes de volver a Venezuela cando era un perfecto descoñecido en España. Causoúnos unha moi boa impresión a todo o equipo, comandado pola productora ourensá Pilar de la Fuente, e eu fíxenlle prometer que cando triunfase, porque non dubidada de que triunfaría, volvería ao “Tequelexou” de xeito gratuito, e así o fixo, cousa que lle honra. Desde aquela ten o meu máis absoluto recoñecemento, e cando coincidimos nos platós sempre é un momento de amizade e camaradería. Baute é un deses artistas cos que é moi fácil traballar porque sempre está polo labor, remando cara adiante. Mide moi ben os tempos e sabe cando ten que sacar disco ou facer xira, como esta que está a piques de comezar, “De mi puño y letra.: 30 años Tour”.

A exclusiva que lle dedica a revista “Hola” non cabe dúbida de que é un empurrón importante nestes momentos, con fotografías que mesmo parecen sacadas dalgún album celestial, co branco como cor imperante. E eu alégrome de que as cousas lle vaian ben a este querido amigo.

Te puede interesar