Opinión

PORTUGUESES

Xa saben vostedes da miña querencia polo país veciño, onde paso boa parte do meu tempo de lecer, e sobre todo a simpatía por esa maioría silenciosa do pobo que sufre a crise desde hai bastante máis tempo que os que vivimos a estoutro lado da fronteira, e que ve como as ilusións postas nos últimos tempos por dar vida ó que nós chamamos a clase media foise ó garete cos sucesivos golpes de estado que eso que se deu en chamar os 'mercados' levan dando unha e outra vez. Posiblemente agora máis ca nunca o pobo portugués volverá ter que facer realidade aquela canción de José Afonso que dicía que 'O povo unido nunca máis será vencido', aínda que sempre haberá quen lle volva respostar con aqueloutra menos coñecida de 'O povo unido nunca estivo tan fodido'. En calquera caso, o meu amigo Antonio, portugués e sabio, dime mentres plantamos un limoeiro que ó final, coma sempre, a crise van pagala os de sempre, mentres que a miña amiga Luisa, a quen José Afonso lle soa a puro bolchevismo, dí que o país precisa un cambio de rumbo político para poder aboiar. En definitiva, o mesmiño que está pasando por estes lares.


En calquera caso, o certo é que desde hai un tempo o que pase a un lado e ó outro da raia aféctanos recíprocamente, tanto na provincia de Pontevedra como na de Ourense, que en boa medida ten en Vigo e arredores un importante epicentro económico. Daqueles tempos do portugués da fiambreira nos xardíns do Club Náutico pasouse ó portugués que enchía restaurantes, ocupaba prazas hoteleiras, mercaba nas tendas de moda, e vivía as noites da fin de semana nun ambiente do que gustan especialmente, sen tanto protocolo e tanta mesura como o que teñen dentro das súas fronteiras. E falo en pasado porque iso está desaparecendo; desde o desembarco do Corte Inglés en Gaia e desde que a crise lles subíu os impostos ata o imposible agudizouse a tendencia a quedar na casiña, facendo que as comarcas fronteirizas se resentisen especialmente.


Tamén é certo que nas políticas municipáis fíxose moi pouco ou nada por atraer e manter este interesante mercado; non cometo ningún pecado se digo que moitas veces o trato que seguimos dispensando ós veciños do lado non ten nada que ver co que eles nos dispensan a nós, dando a impresión de que por este lares aínda hai moita xente que, por aquelo da incultura, precisa sentirse superior, mesmo exercendo de maleducados cando van de visita, onde non se esforzan nin o máis mínimo por dar un 'muito obrigado'. Se non me creen vaian a algunha das feiras de Chaves, Vilanova ou Valença, nas que moitos galegos se abastecen de roupa, calzado ou menaxe, e escoiten en que soniquete lles falan os nosos paisanos ós sufridos vendedores lusos; da a impresión de que moitas e moitos aínda non se enteraron de que están nun país moito máis educado, máis limpo e máis culto có noso, onde todo se pide por favor e de todo se da as gracias.


Se algo ten de bo esta crise, se me permiten esta expresión, é que volveremos a decatarnos da importancia da inmigración para á nosa propia supervivencia, e da importancia de que os nosos veciños sigan interactuando con nós a todos os nivéis, e que nos convenzamos de que xuntos poderemos afrontar mellor estes momentos de incertidume, pero cun tratamento de igual a igual, non como está ocurrindo ata o de agora onde moitas empresas galegas, mesmo as radicadas en Portugal, seguen pagando salarios diferentes en función da procedencia do traballador, nun claro exemplo de discriminación laboral.

Te puede interesar