Opinión

“Son maior, non idiota”

Una de las fotografías de la campaña.
photo_camera Una de las fotografías de la campaña.

Os meus aplausos para ese médico xubilado valenciano que puxo en marcha esa campaña que está mobilizando a milleiros de persoas de idade avanzada que ven como día a día as novas tecnoloxías, que supostamente viñeron para facilitarnos a vida, lles impiden realizar operacións tan sinxelas como ir a unha entidade bancaria para retirar os “seus” cartos. E non son poucas as ocasións nas que teñen que aguantar o desaire dalgún empregado ou empregrada porque están fóra do ridículo horario que agora os seus xefes puxeron para determinadas operacións, mandándoos directamente ao caixeiro ou a esa “banca on line” da que moitos nunca oíron falar; empregados que aínda non se decataron de que o seu cómodo sillón lle está bailando cada día que pasa, para ser substituído por un algoritmo que fará o seu traballo e o de moitos coma el e que levará implícito o peche da sucursal.

Pero isto non soamente está ocorrendo con estas entidades, nas que por suposto hai maioritariamente persoal fantástico que segue ofrecendo o mellor de si para compracer aos clientes, tamén pasa na maioría de organismos oficiais, nos que dende a maldita pandemia non hai maneira de poder falar con ninguén a non ser a través de correos electrónicos, cunhas complicacións que che fan desistir do intento. Conseguir que che collan un teléfono é misión imposible, podes botar toda a mañá e como moito aprenderás de memoria a cancionciña de turno mentres agardas por ninguén. E se estas cousas son dificultosas para o común dos mortais imaxinen o que está ocorrendo con persoas maiores que viven soas ou non teñen quen lles bote unha man na resolución destes asuntos. Por se fora pouco, somos moitos os que seguimos sen entender como nos momentos máis duros de confinamentos e restriccións, os chamados “call center” reducen persoal de “atención ao cliente” mentres os máximos responsables de empresas multinacionais que controlan as grandes compañías de telefonía, seguros, enerxía e un grande etcétera, teñen a pouca vergoña de mandar gravar mensaxes tipo: “Debido a la situación de pandemia por coronavirus es posible que el tiempo de demora sea grande”. Pero se a maioría dos operadores están traballando desde a casa! ¿que problema hai?, ¿vanse contaxiar por teléfono?; tería que ser todo ó contrario, reforzar as plantillas e dar servizo aos usuarios que non poden ou non deben acudir a lugares pechados.

Canta verdade hai naquelo que alguén afirmou hai xa bastante tempo de que as máquinas vannos devorar, e mentres agardamos a que nos devoren farannos a vida imposible, porque a determinadas idades por moito que queiras actualizarte nas novas tecnoloxías é imposible seguir o seu ritmo; cada día hai aplicacións novas, cada día son máis os robots que contestan as nosas chamadas; cando antes podías negociar co funcionario ou funcionaria de turno unha cita para resolver calquera trámite, agora os teus problemas e a túa disponibilidade tráenlle sen coidado a esa máquina que, no mellor dos casos, che asigna un número e unha data, e xa ti vas vendo como podes arranxar a túa vida.

Eu, que son dos que, salvo emerxencia, aínda segue botando gasolina únicamente nos lugares onde hai operarios contratados para elo, procuro serlle fiel a esas entidades, comercios e empresas onde eres algo máis ca un número, e aínda podes falar con alguén real, sexa en persoa ou sexa a través do teléfono. Agardo que tanta tecnoloxía non nos convirta nuns “inútiles” prematuros.

Te puede interesar