"Yes Sir, I can boogie"

"Yes Sir, I can boogie"

Con poñer este título moitas xeracións xa saben que estou a falar dun dos máis grandes éxitos  do pop español a nivel mundial, aínda que cantado nun inglés “daquela maneira”. E non esaxero nada porque este tema que foi éxito en media Europa, incluída Rusia, logrou ser a primeira canción española que acadou o número un nas listas do Reino Unido, algo que aínda non conseguira nin o mesmiño Julio Iglesias. E conseguírono dúas rapazas que proviñan do ballet de TVE e que inspiradas nas irmáns Kessler formaron un dúo musical que as levaría ao estrelato; descubertas por uns xerentes da RCA en Canarias e levadas a Alemaña onde aínda hoxe son consideradas artistas de culto en moitos foros. Falo lóxicamente das “Baccara”, tamén chamadas “Raíñas das Discotecas” pola cantidade de éxitos que pincharon e seguen pinchando os Djs de varias décadas, porque os anos pasan pero sempre hai unha auténtica lexión de fans que as manteñen no candeeiro, por moito que a formación orixinal se rompera co paso dos anos e cada unha tomara compañeiras diferentes mantendo en ambos casos o nome orixinal. 

O da ruptura dos dúos xa sabemos que é cousa bastante frecuente no mundo artístico coa grande dose de egos que se moven por aí. Lembremos a “Amistades Peligrosas”, “Ella baila sola”, “Martes y Trece”, “Azúcar Moreno” ou “Juan y Junior”, por nomear a un pequena parte dos que tivemos máis preto de nós. Lembro como anécdota curiosa dun destes dúos que asistía á gravación dalgún dos meus programas que esixían que o realizador gravase o mesmo tempo a cada unha das compoñentes; e tamén recordo como outro dúo que no escenario todo eran sorrisos e complicidade, en canto baixaban aos camerinos nin se dirixían a palabra; en fin, cousas da vida e das relacións humanas que ás veces son complicadas.

Pero esta noite en “Bamboleo” sí que haberá moi bó rollo e complicidade entre María Mendiola e Cristina Sevilla, as “Báccara”, que veñen a presentarnos o seu último disco titulado “I Belong To Your Heart”, no que contan coa colaboración do inefable Mario Vaquerizo que confesa auténtica devoción por elas. Como devotos somos os que as seguimos desde que sorprenderan a toda Europa representando a Luxemburgo en Eurovisión co seu “Parlez-Vous Francais?”, canción que sería a máis vendida nesa edición do festival, por moito que o  seu francés fora tamén bastante parecido ao seu inglés, cousa que fixo que nunha ocasión un locutor en Inglaterra lles preguntara que en que idioma estaban cantado o “Sorry I’m a Lady”, outro dos grandiosos éxitos da formación, que por suposto tamén recordarán esta noite no programa. Noite de auténtica festa na que tamén estará o cantante Javi Mota como solista, que repetirá a próxima semana xunto coa Orquestra Olympus, na que militou nos últimos anos, para despedirse dos milleiros de fans que atesourou por toda Galicia desde que chegara dos platós de Tele5 recén saído de “La Voz”.

E por se faltara algo, esta noite tamén estarán bailando os fantásticos Adrián Esperón e Patricia Martínez, a parella galega máis laureada e con máis premios e campionatos ganados en baile deportivo a nivel europeo. Todo un luxo.