Xornal Escolar
As aulas de Rairiz de Veiga saen ó campo
Tan importante é todo o que os alumnos aprenden nos libros de texto, como que aprendan a relacionarse co seu entorno e valorar a natureza e o ecosistema que os rodea. Con esta misión, os alumnos do colexio Carlos Cid Arregui veñen de participar nun proxecto co obxectivo de poñer en valor a zona onde estudan e viven cada día.
Dentro das xornadas SonReserva, os mozos e mozas do centro educativo de Rairiz de Veiga comezaron a proposta analizando dentro das paredes da escola a importancia de coidar o medio ambiente. Fixérono da man de Inma Soto Iglesias, experta en medio ambiente.
Despois da teoría chegou o momento de poñer en práctica o aprendido nunha saída de campo que os levou por diferentes recunchos da Reserva da Biosfera da Área de Allariz. Alí visitaron o castro de Armeá para coñecer ás civilizacións antigas e abraiáronse coa riqueza paisaxística, medioambiental e cultural da contorna. A esta última achegáronse dende o Museo Etnográfico da Limia axudados pola asociación de mulleres rurais A Arrancada, que lles explicaron como era a vida dos seus avós e tamén o proceso de elaboración do liño.
Foi unha xornada moi divertida na que aprenderon moito sobre os seus antepasados, descubriron a fauna e flora que os rodea e mesmo atoparon unha chea de bechiños.