Xornal Escolar

Fabrica unha catapulta

Hoxe imos facer unha divertida catapulta para as túas tardes de diversión, sobre todo cando non poidas saír a xogar á rúa.

xornalescolar_2809_lixoteca_01
1 / 6

Os materiais que imos precisar son: catro paus planos de madeira, gomas elásticas, un tapón dunha botella ou dun bote, vasos de cartón, rotulador e moitos pompóns de cores.

xornalescolar_2809_lixoteca_02
2 / 6

O primeiro paso que terás que facer é coller os catro pauciños e unir dous deles colocándolle unha goma elástica en cada un dos extremos. Os outros dous tamén os podes ir unindo, pero só dun lado, porque o outro terá que quedar aberto para o paso que vén despois.

xornalescolar_2809_lixoteca_03
3 / 6

Lembra que se trata dunha catapulta e, por iso, imos aproveitar que deixaches dous dos paus abertos por un lado para meter aquí os dous pauciños que están unidos. Tenche que quedar algo coma o que ves na imaxe e podes aseguralo cunhas gomas elásticas que os unan no punto onde fan unha cruz.

xornalescolar_2809_lixoteca_04
4 / 6

Asegúrate antes de nada de que se fas forza sobre o pau que queda por riba fai o efecto dunha catapulta. Se a resposta é que si, podes seguir co seguinte paso, que será pegarlle coa pistola de silicona o tapón para poder colocar sobre el os pompóns de cores e tiralos con moita forza.

xornalescolar_2809_lixoteca_05
5 / 6

Agora que tes a catapulta cargada e lista para disparar, temos que preparar as canastas. Neste caso, colle os vasos de cartón que tiñas preparados e, sobre eles, escribe diferentes números para asignarlle puntos a cada un deles. Podes ir de cinco en cinco, de dez en dez ou como ti queiras.

xornalescolar_2809_lixoteca_06
6 / 6

Agora si que chegou o momento de comezar a diversión. Coloca os vasos poñendo os puntos por orde de dificultade e distancia antes de retar ós teus amigos e familiares para ver quen ten máis puntería. Coloca fronte a eles a catapulta, prepara os pompóns, apunta e dispara! Xa sabes… Mans á obra!