Xornal Escolar
Un paseo micolóxico por Monterrei
Os alumnos do CRA Monterrei desprazáronse ata a contorna do Castelo de Monterrei, para facer un paseo micolóxico, guiados por Rafael Castro e acompañados por Lucía, da Oficina de Turismo do Concello de Monterrei, organizadora da actividade.
Durante a mañá gozaron da natureza no outono e atoparon unha grande variedade de cogomelos que anotaron nunhas táboas, nas que observaron que hai moitos máis velenosos que comestibles.
Rafa contoulles que hai moitas especies, ensinoulles as súas características e aprenderon que, como non é fácil diferencialas, é moi perigoso collelas se non son expertos. Ademais de descubrir que hai moitas que non son comestibles, e incluso velenosas, tamén hai moitas curiosidades que non sabían, como que algunhas serven para hidratarnos, outras teñen un sabor algo picante, outras poden comerse crúas ou que só se pode cociñar o sombreiriño...
Non soamente aprenderon a distinguir as velenosas das comestibles, se non que os cogomelos contribúen á vitalidade e desenvolvemento dos bosques, incrementando a capacidade de absorción de auga e nutrientes por parte das árbores. As árbores necesitan dos fungos para adaptarse e sobrevivir ao cambio climático.
Durante o paseo atoparon lixo que foron recollendo para coidar e protexer a natureza.