Xornal Escolar
Volta ás aulas cheos de sorrisos
Cantas ganas había deste inicio de curso. Xa non hai que estar separados no patio, xa poden compartir material, volven as caras descubertas… O primeiro ano escolar da era post pandemia comenzou con gran ilusión para toda a comunidade educativa. Foi o máis madrugador dos últimos anos, pero ós cativos non lles importou acurtar un pouco as vacacións pola emoción de rencontrarse cos seus compañeiros.
Agora que as restriccións xa son só memoria colectiva, por diante preséntanse nove meses de libros, actividades, ordenadores, recreos, excursións… Agora as clases están xa en marcha e os proxectos de cada colexio comezan tamén a despegar. Retomouse a rutina de levantarse, encher a mochila e saír cara o colexio, onde cada día os agardan horas de aprendizaxe e diversión. E todas esas emocións canalizáronse en brincos, voces e apertas durante a primeira xornada do curso nos colexios da cidade de Ourense.
“Eu quero aprender Matemáticas”. “Eu teño ganas de Educación Física”. “Eu quería ver ós meus amigos”. Cada un coas súas motivacións, madrugaron ese día cheos de nervios e camiñaron da man das súas familias cara un novo curso no que o covid empeza a ser só unha lembranza empañada pola ilusión de volverse ver.