CONCELLO

Baños de Molgas prolonga a súa incertidume política

photo_camera A corporación de Baños de Molgas celebrou o seu pleno onte pola tarde.

Vences estreouse na bancada dos "non adscritos" e Iglesias está pendente da moción de censura

O Concello de Baños de Molgas acolleu a celebración da sesión ordinaria correspondente ao mes de Xuño en medio dunha crise política provocada, por unha banda, pola renuncia ao Partido Socialista da edil Francisca Vences que xa actuou durante o pleno, como concelleira non adscrita. Por outra parte, será nun prazo de 14 días, cando se coñeza a continuidade á fronte do goberno local de Xaime Iglesias. O rexidor local continúa a expensas dos movementos políticos da oposición logo de perder a cuestión de confianza á que se someteu en maio. 

A celebración do pleno ordinario contou cunha grande expectación por parte dos veciños, preto de 20 persoas se achegaron ata o Consistorio durante a tarde de onte. Un dos puntos que se abordou foi a proposta do grupo de goberno para a creación dun local de atención á xuventude e á muller. A moción quedou desestimada logo de que o grupo municipal do Partido Popular e a concelleira non adscrita votasen en contra por non estar de acordo co emprazamento do centro. Sería nun edificio propiedade da Xunta de Galicia que a administración local tería que adquirir en propiedade. Neste sentido os edís da oposición solicitaron unha cesión gratuíta. 

Sí se aprobou de xeito unánime, a proposta do grupo de goberno para demandar á Confederación Hidrográfica Miño Sil a mellora do río ao seu paso por Baños de Molgas. "É un punto moi importante para o concello a nivel turístico", sinalou o rexidor local. Os grupos tamén concordaron en demandar ao Goberno Central a posibilidade de empregar parte do superávit para facer inversións. 

Toma de posesión da edil non adscrita

Un dos puntos máis salientables da sesión foi a toma de posesión da exsocialista Francisca Vences como concelleira non adscrita. Ao comezo do ordinario fíxoselle entrega da resolución da administración á edil que, posteriormente, pasaría a ocupar a bancada do grupo mixto.  Dende a súa nova posición Vences solicitou información sobre o novo sistema de transportes que implantará a Xunta de Galicia no medio rural. Xaime Iglesias respondeu, neste sentido, que "se está estudando a repercusión que terá no Concello o novo plan, co obxectivo de facer as alegacións pertinentes no caso de que sexan precisas". Iglesias ofreceu aos grupos da oposición a posibilidade de "facer aportacións ao respecto". O Partido Popular interesouse "polo xeito" no que os operarios do Consistorio se desfixeron de certos refugallos e motores vellos da nave do Concello. Iglesias explicou que foron vendidos a un xestor autorizado. 

Te puede interesar