Fixados os baremos para a xestión dos fondos Leader

Darase prioridade ao termalismo, medioambiente e atención a maiores

 Os membros da xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural da Limia (GDR 10 Limia -Arnoia), reuníronse na mañá de onte na súa sede da Avenida de Ourense, en Xinzo, para poñer en funcionamento o GDR-10 que xestionará os fondos Leader do periodo de programación 2014-2020 para un total de 25 concellos membros.

O obxectivo deste programa de axudas, que conta cun orzamento de 3.800.000 euros, é que calquera actor social, sexa de índole pública ou privada, e que teña unha iniciativa empresarial, poida contar cunha axuda económica para desenvolvela.

Nesta xuntanza, que estivo presidida por Sindo Lamas, alcalde de Sarreaus e que contou con representantes de outros concellos, acordáronse, entre outras cuestións, a aprobación definitiva do baremo polo cal se van a puntuar os proxectos presentados e se van a calcular as porcentaxes de axudas. Nesta liña, terán maior puntuación os proxectos relacionados co medio ambiente, co termalismo ou co servizo ás persoas maiores. Tamén se deu conta da contratación de tres profesionais: un xerente, un técnico e un administrativo, que se encargarán do funcionamento das oficinas situadas en Xinzo, Allariz e Celanova,as cales comezarán a funcionar a partir do día 1 de febreiro.

A apertura de convocatorias será, previsiblemente, a principios do mes de febreiro.

Te puede interesar