Caballero en Xinzo sobre o apoio ao regadío: "Había que facelo e fixémolo"

Gonzalo Caballero-290721
photo_camera Caballero estivo coa rexedora, Elvira Lama, e o presidente da Confederación, José A. Quiroga.
O socialista apuntou que se trataba dunha “demanda histórica” que modernizará o sector 

Varias foron, este xoves, as reaccións ao anuncio dun investimento por valor de 32 millóns de euros para modernizar o regadío na Comarca da Limia e para acometer a correspondente -e necesaria- limpeza de canles, dous pasos vitais para mellorar e optimizar o traballo no sector agrícola da zona. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destinará unha importante partida de 28 millóns de euros para esta finalidade -unha pequena parte correrá a cargo da Comunidade de Regantes- e a Consellería de Medio Rural aportará outros catro para a preparación dos 42 pozos do sistema. 

Para analizar este asunto, o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, achegouse ata Xinzo de Limia onde foi recibido pola alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama e polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga. “Cando visitei Xinzo hai unhas semanas, recollemos esta necesidade de impulsar e modernizar o regadío para toda A Limia e isto xa é unha realidade. Había que facelo e fixémolo”, subliñou o líder do PSdeG logo de incidir en que este “é un investimento histórico” por parte do Ministerio de Agricultura “que queda feito”. Nesta liña, sinalou que a consecución desta “demanda histórica” suporá “darlle modernidade e sostenibilidade a todo o sector primario da provincia” e destacou que “cubre unha necesidade que outros gobernos non fixeron. Estamos cumprindo coa Limia”, engadiu.

Pola súa banda, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, foi taxante: “Non vale con dicir constantemente que somos a comarca agrícola e gandeira por excelencia de Galicia, senón que precisamos inversións e parece que, desta volta, vai ser unha realidade, posto que o goberno de España aposta firmemente por esta comarca”. 

REACCIÓN DO PP LOCAL

O Partido Popular de Xinzo, amosou a súa “satisfacción” por esta achega que permitirá modernizar o regadío. Segundo os populares, “a dotación dun sistema de rega moderno vai favorecer a adaptación das terras de cultivo ás necesidades dun mercado cada vez máis esixente e cambiante e permitirá ao colectivo de agricultores e gandeiros  mellorar nas políticas de conservación do medio natural”.

Te puede interesar